11 noviembre, 2025
O festival Outono Códax, recoñecido pola súa atención ás músicas de raíz norteamericanas, amplía este ano o seu foco para explorar as conexións sonoras con América Central e do Sur. Unha liña que atopará o seu momento máis evidente este mércores 12 coa actuación de Víctor Coyote, artista tudense considerado unha das figuras máis inclasificables e poliédricas da cultura española contemporánea.
O concerto, que terá lugar no Riquela Club de Santiago coa apertura de portas ás 20:30 horas, contará cun formato de trío, no que Coyote estará acompañado por Gustavo Villamor e Ricardo Moreno. Sobre o escenario, o músico promete afondar na súa personalísima linguaxe musical, afastándose da rigidez rítmica que, ao seu xuízo, marcou a evolución do rock, e reivindicando os vínculos históricos de Galicia coa cumbia, o merengue e as músicas de Porto Rico, Brasil ou Venezuela.
A traxectoria de Coyote —nacido en Tui en 1959— arrinca nos anos oitenta, cando se converteu en referente da movida madrileña á fronte de Los Coyotes, formación pioneira na fusión de rock, ritmos fronteirizos e ecos latinos. Tras a súa disolución en 1992, o artista desenvolveu unha carreira marcada pola independencia creativa, a experimentación formal e unha constante renovación estética. Músico, ilustrador, deseñador gráfico e escritor, o seu universo creativo mestura tradición popular e vangarda, territorio local e visión global, ironía e crítica social.
Para esta cita compostelá, Coyote contará cun convidado de excepción: o músico Javi Álvarez, integrante de proxectos como Fluzo, Néboa ou Dúo Cobra, recoñecido pola súa capacidade para dinamitar etiquetas a través dunha mestura inclasificable de psychobilly, electrónica vintage, desvarío punk e humor musical de precisión quirúrxica. “Cando se unen tradición con tradición e experimentación con experimentación, ninguén pode permanecer indiferente”, advirte Coyote.
O protagonismo de Víctor Coyote no Outono Códax non remata no escenario. Antes do concerto, ás 19:00 horas, inaugurará en A Reixa-Matrioska (Rúa do Hórreo, 46) unha exposición de pósters e ilustracións de riders escénicos, unha mostra que permanecerá aberta durante todo o mes de novembro. A exhibición achega outra faceta sobranceira do artista, que leva décadas desenvolvendo un imaxinario visual propio, recoñecible e coherente.
En medio del bosque de robles más grande y bello de Galicia, a dos leguas de Santiago, se alza, en las encantadoras orillas del río Tambre, este plácido Asilo, regalado por la Condesa de Bugallal para retiro de los ancianos pobres de Viana do Bolo y Ponteareas, pueblos de los Condes. Acaba de ser inaugurado (año 1919). Fotos: J. Solá (Vida Gallega) y AG