De Ninghures.
13 enero, 2025
O terceiro sinxelo do novo disco da banda, considerado a peza «máis escura e visceral» das creadas até agora, estará dispoñible nas plataformas dixitais desde as 00:00 horas do venres 17 de xaneiro.
A escuridade chega co terceiro adianto do esperado novo disco de De Ninghures. O venres 17 de xaneiro, ás 00:00 horas, publicarase «O Último Baile», un tema que se destaca pola súa sonoridade máis visceral e agresiva. Esta peza é o terceiro sinxelo de avance do novo álbum de estudio da banda, que será producido por Juan de Dios Martín e sairá á luz nas próximas semanas.
«O Último Baile» ten como base unha copla recollida en 1979 en Arzúa por Dorothé Schubarth á informante Salomé, un arquivo que se atopa no APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade). A partir desta copla da tradición popular, a banda teceu os seus propios versos e música, creando unha canción que fala do mal amor, ese tipo de relacións que «se che meten na cabeza e que nos consumen». A súa letra acompáñase dunha instrumentación escura, hipnótica, cunha sonoridade agresiva que medra en espirais, crecendo até formar un bucle, «como se fora unha obsesión que te consume e te destrúe á vez», comentan os membros do grupo.
De Ninghures é unha das bandas máis destacadas da actual escena galega, mesturando música tradicional galega con influencias de diversas culturas, como a latinoamericana ou a magrebí. A súa proposta sorprende por combinar mestría musical e unha actitude desenfadada, destacando pola súa capacidade para mesturar voces e actualizar melodías populares. A banda consegue, con cada canción, facer que o público baile e se emocione ao mesmo tempo.
En 2022, De Ninghures publicou «Aquí», o seu primeiro álbum, e despois de máis de medio centenar de concertos e varios sinxelos de éxito como «Morena», galardoado como Mellor Música do Ano nos Premios Ari(t)mar, ou a enérxica muiñeira «Poço», o grupo galego está a punto de presentar o seu novo traballo a comezos de 2025, do que xa se coñecen os sinxelos «Corazón Alionado» e «A Burriña».
Foto de archivo con el director artístico del Festival de Sanremo, Amadeus (izda), el músico italiano Beppe Vessicchio (3-izda) con miembros de la banda italiana Le Vibrazioni y la cantante Sophie Scott (3-dcha) de la banda británica Sophie and The Giants en el escenario del teatro Ariston durante el 72º Festival de la canción Italiana de Sanremo, en Sanremo, Italia, 04 de febrero de 2022. EFE/EPA/Riccardo Antimiani