A banda da Loba, tamén coñecida como ABDL.
9 enero, 2025
A banda da Loba, tamén coñecida como ABDL, publicará o vindeiro 17 de xaneiro o seu esperado quinto disco, Lovismo, nas principais plataformas musicais. Este novo traballo chega logo dunha pausa de xira no 2024, un ano dedicado á creación dun álbum que explora as distintas formas do amor. Desde o desexo e as relacións ata a maternidade, o amor propio, a sororidade e o amor pola terra, Lovismo reflicte o característico estilo calidoscópico da banda.
Como aperitivo, este venres 10 de xaneiro sairá á luz o segundo sinxelo de adianto, Xogo de agardar, que tamén se presentará cun videoclip gravado no estudio. O tema, escrito por Inés Mirás, exintegrante de ABDL, describe as emocións que xorden ao coñecer a alguén que fai saltar faíscas con só unha ollada, nun xogo de sedución que pode terminar nunha pequena historia de amor. O videoclip de Xogo de agardar foi gravado en Abrigueiro e estará dispoñible nas plataformas e no canal de YouTube da banda a partir das 00:00 horas do venres.
A presentación en directo de Lovismo terá lugar o 1 de febreiro na Sala Capitol de Santiago, onde a banda ofrecerá un concerto repleto de sorpresas e acompañada de artistas amigos. As entradas para este evento están dispoñibles na web de Sala Capitol e na tenda Trisquel Artesanía. A cita será apta para menores de 16 anos se están acompañados dun adulto responsable e sempre que presenten o DNI.
A banda da Loba, que comezou a súa andaina no 2017 co disco Bailando as rúas, conseguiu gran éxito e un oco na escena musical galega grazas á súa fusión de estilos. Co paso dos anos, a súa discografía foi medrando con traballos como Fábrica de luz (2019), Hasme oír (2021), finalista nos Premios MIN, e Xabón Lagarta (2022). Agora, con Lovismo, a banda inicia unha nova etapa de súa carreira, continuando a súa aposta pola música innovadora e chea de emocións.
O actual lineup de ABDL conta con Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que substitúe a Inés Mirás na formación.
