Sabela, la gran artista gallega - Foto Web Artista
9 octubre, 2025
Sabela acaba de publicar o último adianto do seu novo traballo discográfico, A quen ignora. Este novo sinxelo vén inspirado na figura de Maruja Mallo, unha das pintoras surrealistas máis importantes da historia do arte a nivel estatal. A de Viveiro é recoñecida pola súa visión tan diferente e vangardista para a época, aproximando un prisma diferente a elementos cotiás. Esta visión tan única é a que trata de replicar Sabela nesta nova canción, cun son moito máis ecléctico dentro do seu xa característico pop electrónico.
No proceso compositivo, Sabela mergullouse na vida e obra da ilustre viveirense para atopar inspiración e, en base ao colleitado, foi construíndo o tema. A quen ignora racha coa estrutura clásica do pop e xoga cos sons para que sexan máis duros. Durante a canción pódese escoitar a voz de Maruja Mallo que, de maneira inspiradora, fala desa cantidade de arte que se crea e que se dilúe co tempo. Con esa frase «40.000 pintores en París, 40.000 que ya no existen», trae a unha reflexión moi actual sobre a velocidade e cantidade de creación hoxe en día, que axuda a pensar en non perder a perspectiva e valorar o arte que facemos.
A propia Sabela confesa que construír esta canción foi duro pola alta exixencia e o respecto que impoñía inspirarse na figura de Maruja Mallo, feito que foi desaparecendo a medida que foi xogando co tema, como facía a pintora, constituíndo así a mellor homenaxe posible á súa visión do arte. Desta maneira, a artista busca poñer en valor unha figura silenciada e infravalorada ao longo da historia.
A portada do tema é un fungo Penicillium visto dende un microscopio, representando a visión de Maruja de aportar un novo enfoque a cousas cotiás. O que simplemente podería ser o mofo dun limón, adquire unha nova perspectiva e forma no momento no que o miras dende un microscopio.
O lanzamento de A quen ignora coincide coa inauguración da exposición «Maruja Mallo. Máscara y compás», a maior retrospectiva da obra realizada ata a data, que se poderá visitar ata marzo de 2026 no Museo Reina Sofía de Madrid. A mostra fai un percorrido cronolóxico pola súa traxectoria, reunindo 90 obras entre as que se poden atopar pinturas, debuxos, vídeos e mesmo escritos.
Desta maneira, Sabela segue acrecentando este momento doce arredor da súa música que está a vivir. Tras a gran acollida dos primeiros adiantos, Hi, My love, Eu espero aquí, Camponarai e Cerca de ti, así como das dúas extensas xiras por salas de España e Galicia, a artista recolleu os froitos do traballo feito en forma de recoñecementos, recibindo o Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie. A artista encara desta forma este final de ano, no que publicará o seu tan esperado traballo discográfico en forma de EP.
Este tema conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais.
