19 diciembre, 2024
‘Pava 3’, o novo EP de PAVA, xa está dispoñible para escoitar nas principais plataformas dixitais e adquirir a través do Bandcamp do grupo. Este terceiro traballo da banda liderada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao destaca como un exercicio de pop luminoso e coidado, mantendo as liñas mestras dos seus discos anteriores, pero cun son máis sólido e sofisticado.
O lanzamento acompáñase dun videoclip para o tema Unha cadela chamada Por Favor, unha balada con ritmo envolvente que conta coa colaboración especial de Gloria Pavía. O vídeo, realizado por Antón & Martiño, reflicte o estilo único e a profundidade das composicións de PAVA.
‘Pava 3’ inclúe cinco temas que combinan letras coidadas, melodías exquisitas e temáticas que exploran cuestións de xénero, identidade sexual, idade e lingua. O disco ábrese con Catastro, unha peza enérxica que convida a buscar algo tan esquivo como a paz. Segue O himno da lesión, unha oda á resistencia e o humor ante as adversidades, e Tremendamente coquetas, unha celebración alegre para todas as que desexen unirse ao “club da letra Q”.
Destaca tamén Unha cadela chamada Por Favor, cunha atmosfera íntima e envolvente, mentres que Catastriño, unha versión acústica de Catastro gravada nunha adega, pecha o disco cun ton máis persoal e reflexivo.
A presentación oficial de ‘Pava 3’ será o domingo 5 de xaneiro na sala Mardi Gras da Coruña, ás 22:00 horas. A cita promete ser unha “Noite de Raíñas Pavas”, alternativa e disidente, cargada de maxia e música. As entradas están dispoñibles por 13 euros en www.entradium.com.
Os asistentes tamén poderán adquirir unha edición limitada de 200 carpetas que inclúen as letras das cancións, un código de descarga, e un póster coa portada do disco, nunha clara homenaxe á estética adolescente dos anos 90.
A banda está composta por Lucía Aldao como frontwoman, Analís na batería, David Santos no baixo e Pablo Silva na guitarra, con Julián Goicoa como produtor. A traxectoria do grupo inclúe recoñecementos como o segundo premio NARF en 2023 e o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie en 2024, consolidándose como unha referencia do pop galego en galego.