4 julio, 2025
O Festival Atlántica pon o ramo á súa edición 2025 este sábado 5 de xullo cunha xornada que promete emoción, identidade e memoria compartida. Santiago, Teo, Ferrol, Ribeira, Vilalba, Chantada, Alfoz, Dodro e A Pobra do Caramiñal serán os escenarios dos últimos contos dun certame que ao longo de días intensos espallou a palabra viva por múltiples espazos, conectando públicos de todas as idades coa forza da narración oral. Dúas funcións en Santiago e unha en Teo marcarán o peche oficial dunha edición que celebrou a tradición oral como ferramenta de conexión e memoria.
A mañá compostelá arrancará ás 12.30 horas no Museo do Pobo Galego cunha proposta para público familiar a partir de 5 anos: Historias de ida e volta, da contadora vasca de orixe e galega de corazón Larraitz Urruzola. Cunha maleta cargada de contos viaxeiros, ofrecerá un espectáculo que transita entre dúas culturas irmás, tecendo pontes entre a tradición oral vasca e a galega con humor, tenrura e moita imaxinación. A través de relatos populares, mitos ancestrais e tradicións compartidas, Larraitz constrúe unha ponte narrativa onde a cosmovisión feminista ten tamén un papel protagonista. Un espectáculo cheo de raíces e alas, pensado para sorprender, emocionar e facer reflexionar tanto a pequenos como a maiores.
Xa pola noite, ás 21.00 horas, celebrarase a clausura oficial no CSC A Rocha, da man de Celso Fernández Sanmartín, que estreará Contara, unha colleita de historias de vida para público adulto. Coa súa voz serena, ‘Celsiño’ achega á Atlántica un espectáculo íntimo que non busca o ruído nin a sorpresa, senón a verdade que agroma nas palabras herdadas. En Contara, o narrador lalinés toma historias do mundo rural e dálle corpo nun exercicio de escoita compartida, cheo de humor calado e poesía popular. Non hai artificio nin présa: só o ritmo da memoria e a beleza das pequenas verdades que nos definen. É tamén unha homenaxe á tradición oral e unha defensa da palabra como semente que cómpre coidar.
Tamén ás 21.00 h, a aldea de Penelas (Cacheiras, Teo) converterase nun escenario ao aire libre co espectáculo Vicio houbo sempre de Atenea García, unha das voces máis destacadas da escena galega actual. A narradora dá voz ás mulleres que viviron —e gozaron— fóra do relato oficial. A partir de conversas con maiores de máis de 85 anos, Atenea constrúe unha proposta íntima e poderosa onde o pracer, a sexualidade e a liberdade se contan sen vergoña e con moito humor. “Vicio houbo sempre, grazas a Dios!” é a frase que abre esta peza que rompe silencios, reivindica os corpos e as palabras das mulleres marxinadas, e aposta por unha memoria feminista sen censura nin moralismos. Porque tamén hai revolución en falar de sexo despois dos oitenta.
Pero alén de Santiago e Teo, o sábado Atlántica espállase por toda Galicia cunha xornada intensa e descentralizada, levando a narración oral a espazos naturais, patrimoniais e rurais cargados de identidade. En Chantada, ás 18.00 horas, Anxo Moure ofrecerá en Garabelos (Mariz) as súas Historias para coidar a terra, unha proposta familiar que mestura ecoloxía e imaxinación para cultivar conciencia desde a infancia. Xa pola noite, ás 21.00 h, sete concellos acollerán espectáculos para público adulto: desde as Novas historias de filandar do zamorano Don Guti no máxico Castro de Posmarcos da Pobra do Caramiñal, ata O que non estaba escrito de Carmen Conde en Alfoz, pasando pola narración directa e mordaz de Quico Cadaval (Autoestradas e corredoiras) na eira de Dodro, ou os Patios de luz de Su Garrido Pombo en Ferrol, que mesturan palabra e música. En Ribeira, Miguel Gouveia e Aida Cobas unirán linguas e culturas con Vénme ao bico un conto, mentres en Vilalba, o italiano Simone Negrin ofrecerá Fare le corna, unha proposta cargada de humor e identidade en castelán e galego. Un serán diverso, polifónico e vibrante que amosa o espírito atlántico na súa máxima expresión.
A clausura oficiosa e festiva deste XIII Festival Atlántica será o domingo 6 de xullo, co tradicional Vermú de contos na Estrada (lugar de Riobó), a partir das 13.00 h. Será un xantar colectivo onde artistas e público se xuntan para compartir historias nun ambiente distendido, celebrando a palabra viva que segue latexando máis alá do último aplauso.