19 noviembre, 2025
Unha nova investigación desenvolvida no xacemento de Valdavara 1, situado en Becerreá (Lugo), vén de revelar o papel fundamental que desempeñou o rebezo na dieta dos grupos de cazadores-recolectores que habitaron a Serra dos Ancares durante o final do Paleolítico superior, hai arredor de 17.000 anos. A análise tamén confirma que este ungulado foi igualmente clave para os carnívoros que frecuentaban a zona.
O estudo, encabezado por Hugo Bal García, investigador do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da USC e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), foi publicado na revista Journal of Archaeological Science: Reports baixo o título Zooarchaeological study of the Magdalenian sequence of the Valdavara 1 site (Becerreá, Lugo, NW Iberia).
A investigación recompila a análise de máis de 2.000 restos fáunicos procedentes dos niveis 4-6 da secuencia paleolítica, cunha antigüidade estimada entre 18.720 e 16.680 anos. Naquel período, inmediatamente posterior ao Último Máximo Glacial, varios grupos de cazadores-recolectores —probablemente procedentes do Cantábrico e portadores de tecnoloxía magdaleniense— escolleron Valdavara 1 como refuxio estacional. Alí realizaban actividades cotiás como a preparación de ferramentas líticas, o mantemento de fogares ou o consumo de animais.
Segundo explica Bal, a investigación permitiu reconstruír de maneira precisa a dieta cárnica destes grupos humanos: “observamos que cazaban as presas dispoñibles na contorna inmediata da cova, sen grandes desprazamentos, e co rebezo como principal recurso alimentario”. A presenza desta especie é especialmente destacada en Valdavara, onde representa máis do 40% dos restos animais identificados, unha proporción pouco habitual en comparación con outros xacementos paleolíticos da península, nos que predominan cervos, cabalos ou cabras montesas.
A fauna identificada no xacemento inclúe tamén cervos, uros, cabalos, xabarís, lobos, raposos, osos pardos, mustélidos, coellos e lebres. Con todo, os humanos non foron os únicos responsables da formación da acumulación ósea. O estudo detecta a intervención de lobos, raposos e osos, animais que tamén utilizaron a cova como cubil en determinadas épocas do ano. “Achegaban as súas propias presas e incluso depredaban sobre o lixo deixado polos humanos, como evidencian as marcas de mordedura superpostas ás de corte antrópico”, sinala Bal.
O traballo contou coa colaboración de Carlos Fernández Rodríguez (ULE), Manuel Vaquero (URV/IPHES), Elvira Susana Alonso Fernández (URV/IPHES) e Ramón Fábregas Valcarce (USC/CISPAC). Insírese nun proxecto de investigación máis amplo centrado na ocupación das Serras Orientais de Galicia ao longo do tempo, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España. As escavacións en Valdavara desenvolvéronse entre 2007 e 2013 e contaron co apoio do Concello de Becerreá.