21 octubre, 2025
A Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) inaugurará o vindeiro xoves, 23 de outubro, a exposición “Arquitecturas en curso. Modernidade na ETSAC”, ás 20:00 horas, en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) da Universidade da Coruña (UDC).
Na mostra, que se poderá visitar ata o 23 de xaneiro do 2026 na sede colexial (rúa Federico Tapia, 64), poderanse ver traballos do estudantado da ETSAC realizados no contexto do XIII Congreso Docomomo Ibérico, que se celebrará na Coruña do 22 ao 25 de outubro.
A exposición pertence ao ciclo iniciado no curso 2022-23, por iniciativa do Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición, e a Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para achegar aos profesionais e á cidadanía o traballo realizado na ETSAC. Nesta ocasión, con motivo da celebración do XIII Congreso Docomomo Ibérico en Galicia, a exposición amplíase a toda a Escola de Arquitectura e os traballos expostos enmárcanse no estudo, intervención e divulgación do Patrimonio Moderno.
Segundo explica a comisaria da mostra e profesora da ETSAC, Luz Paz Agras, estas arquitecturas do século XX, próximas no tempo, constitúen un legado para o que a súa protección require da complicidade dunha sociedade que defenda os seus valores. “A compresión destes proxectos, aliñados coa idea de progreso, coa aposta pola experimentación, coa busca de materializacións innovadoras inspiradas nos novos materiais, con propostas de espazos para a vida moderna, etc. merecen unha consideración especial, tanto na súa posta en valor como nas intervencións que, sobre eles, se leven a cabo” –sinala–.
Na mostra poderase ver unha selección de traballos sobre arquitecturas do século XX de distintas materias, tanto desde unha perspectiva histórica, como a través de exercicios críticos, pasando polo estudo preciso e analítico da súa construción e incorporando propostas de intervención a partir da reflexión sobre os seus valores patrimoniais, materiais e inmateriais, propoñendo estratexias para garantir a súa supervivencia.
Xunto a estes traballos, a instalación “GALICIA S.XX. Crónicas do mar” achégase á temática específica del congreso sobre “Arquitecturas marítimas”, poñendo o acento na intensidade da vida nesa zona intermedia entre o mar e a terra. Luz Paz apunta que, no espesor da liña do trazo gordo da costa atlántica, a arquitectura moderna ten sido escenario de feitos inseparables da historia, aos que aluden unha serie de fotografías procedentes de diversos arquivos: as infraestruturas e arquitecturas do ocio, a promesa da viaxe, as loitas obreiras nos estaleiros ou a débeda das fábricas conserveiras co traballo das mulleres.
A inmersión no ambiente de modernidade acentuarase o día da inauguración, coa actuación da soprano Adriana Aranda, en colaboración coa Asociación Cultural Aïs, que levará a cabo unha interpretación baseada en música das vangardas.