Mondra. Foto: Zeltia Iglesias.
10 abril, 2025
O artista galego Mondra continúa a abrir camiño cara ao lanzamento do seu segundo álbum, DE RONDA, co estreado este venres do seu terceiro adianto: por te ver, un tema que mergulla o ouvinte nun conflito emocional entre o desexo irrefreable e a toxicidade dos amores complexos. A canción estará dispoñible a partir das 00.00 horas do 11 de abril en todas as plataformas dixitais e acompañarase dun videoclip que poderá verse na súa canle de VEVO.
Con este novo lanzamento, Mondra presenta unha peza que —na súa propia descrición— representa “o estado de impulso do que un tenta escapar, unha loita interna entre ética e emoción”, todo isto a través dunha sonoridade que evoluciona desde o misterio cara á persecución, apoiada pola instrumentación de Andrés Real ao contrabaixo, Lucas de Centi ao vibráfono e Julia Sánchez-Biezma á percusión.
por te ver é unha das 11 cancións ou “estados do corpo” que compoñen DE RONDA, un álbum que verá a luz o 6 de maio e que se centra na idea da sedución e a vulnerabilidade emocional. Para Mondra, este tema “resume tanto a filosofía como o espírito musical e conceptual do disco”, que destaca pola súa frescura, organicidade e actualidade sonora grazas á produción de Hevi (Laboratorio Soyuz).
A proposta complétase cun videoclip codirixido por Zeltia Iglesias —responsable da dirección creativa global do proxecto— e o propio Mondra, con coprodución de elmembrillo e dirección de movemento do coreógrafo Daniel Rodríguez. Esta peza audiovisual é parte dun proxecto máis amplo que acompañará visualmente cada canción do disco.
A gran acollida do proxecto de Mondra materializouse tamén na venda de entradas para a súa estrea ao vivo de DE RONDA, na Sala Capitol de Santiago de Compostela, onde o artista esgotou todos os billetes dispoñibles para a noite do 10 de maio. Ante a demanda, Mondra anunciou unha nova función o venres 9 de maio, tamén na Capitol.
O espectáculo contará cun potente equipo artístico, con Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez e Saínza Piñeiro na banda, e Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez como intérpretes de danza. En ambas sesións haberá tamén artistas convidadas. As entradas, desde 18 euros, poden adquirirse en www.salacapitol.com.
Recoñecido por fusionar música, danza e expresión escénica, Mondra consolidouse como unha das figuras máis destacadas da escena contemporánea galega. O seu álbum debut ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) foi aclamado pola crítica e o público, valéndolle galardóns como o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024 e o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por MARIMONDRA.