Mondra regresa á escena musical con DE RONDA, o seu segundo álbum, que verá a luz o 6 de maio. O traballo, que chega dous anos despois do seu exitoso debut con ARDĒN, propón un percorrido sonoro íntimo, irreverente e festivo, mantendo sempre o diálogo coa tradición oral galega.
A sexualidade, o amor propio, a comunidade e a xuventude son os eixos que articulan as 11 cancións –ou “11 estados do corpo”– dun álbum que, segundo o propio artista, trata sobre “a sedución, seducir ou ser seducido”. O disco, de son fresco e orgánico, conta coa produción de Hevi no Laboratorio Soyuz e será publicado coa discográfica Altafonte.
Estrea en directo na Sala Capitol
Mondra presentará DE RONDA en directo o sábado 10 de maio na Sala Capitol de Santiago de Compostela, cun espectáculo dirixido artisticamente por Daniel Rodríguez. Sobre o escenario, o artista estará acompañado por unha potente banda formada por Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez e Saínza Piñeiro, así como polos bailaríns Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez.
As entradas para este esperado concerto sairán á venda mañá, xoves 27 de marzo, ás 12:30 h, a través da web www.salacapitol.com, cun prezo xeral de 18 euros.
Mondra, unha figura clave da nova escena musical galega
Cantareiro, bailador e artista multidisciplinar, Mondra consolidouse como unha das voces máis destacadas da música galega contemporánea. O seu primeiro álbum, ARDĒN (2023), recibiu o aplauso unánime de público e crítica, logrando recoñecementos como o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024 e o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por MARIMONDRA.
Agora, con DE RONDA, Mondra promete un disco cargado de forza e identidade, no que xa se coñecen adiantos como o pasodobre Vale máis un canciño e a provocadora Teño caldo quente.
O 6 de maio, DE RONDA chega para conquistar. O 10 de maio, a súa posta en escena promete ser unha celebración inesquecible.




