7 noviembre, 2025
O festival Outono Códax continúa ampliando horizontes máis alá dos escenarios. A programación de novembro chega cargada de actividades paralelas que conectan a música co cinema, a literatura, a arte e mesmo a gastronomía, consolidando esta cita como unha proposta cultural multidisciplinar na capital galega.
O vindeiro sábado será o cantante e compositor catalán Miqui Puig, fundador da banda pop Los Sencillos e autor de clásicos como Bonito es ou Doctor Amor, o protagonista dunha das sesións previstas. O artista presenta o seu libro Yo no quería ser Miqui Puig, unha obra autobiográfica baseada nos seus diarios persoais onde ofrece unha mirada íntima á súa traxectoria como músico, produtor, radiofonista e DJ. Ademais de repasar as luces e sombras da escena pop e o seu salto aos medios de comunicación, o autor manterá unha conversa aberta co público asistente.
A presentación terá lugar ás 19.00 horas en A ReixaTenda-Matrioska (rúa do Hórreo, 46). A actividade conta con entrada libre ata completar aforo, unha dinámica que o festival mantén para favorecer a participación cidadá.
Pola tarde, o mesmo espazo acollerá tamén o inicio do ciclo cinematográfico “Blow up… A música no cinema”. Ás 17.00 horas proxectarase a curtametraxe Clan Garvi, dirixida por Nando Caballero, unha peza de 38 minutos que recupera a historia da tenda do xastre Francisco García, figura esquecida que anticipou a estética ye-yé na Barcelona dos anos 60. O filme ofrece un retrato da moda, a sociedade e da efervescencia musical dunha época de cambios.