15 octubre, 2025
A Área de Cultura da USC impulsa unha nova edición de Faíscas Culturais, centrada nesta ocasión no mundo do fanzine, pequenas publicacións autoeditadas por afeccionados a diferentes temáticas. Este proxecto artístico-pedagóxico busca situarse na intersección entre o coñecemento académico e a expresión artística, ofrecendo ao estudantado un espazo para reflexionar sobre as manifestacións culturais e complementar a formación recibida nas aulas.
A nova vaga de Faíscas terá como escenario o Campus de Lugo e desenvolverase a través de obradoiros prácticos nos que se amosará ao estudantado en que consiste un fanzine e como elaboralo. Así, este xoves 16 de outubro, na Facultade de Humanidades, a partir das 12.30 horas, terá lugar un taller destinado ao estudantado das materias ‘Antropoloxía cultural’ e ‘Crítica da cultura’ do grao en Xestión Cultural. Posteriormente, o día 22, a Facultade de Formación do Profesorado acollerá outro obradoiro, desde as 12.00 horas, dentro da materia ‘Educación visual e plástica’ do grao en Mestre/a en Educación Primaria, demostrando as amplas posibilidades de aplicación do fanzine.
Como peza central desta iniciativa, o programa inclúe o ‘Encontro de fanzines e autoedición’ de Vaia Vaia, que se celebrará o 18 de outubro na Casa do Saber do campus de Lugo, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Este encontro permitirá o intercambio entre artistas e público, fomentando a creatividade, a aprendizaxe e a comunidade universitaria.
O obxectivo das actividades é dar voz ás diferentes realidades das persoas participantes, adaptando cada obradoiro ao seu contexto e lugar, e achegando o fanzine e as súas linguaxes tanto ao estudantado como ao público non académico. O acceso é libre para a comunidade universitaria ata completar a capacidade dos espazos.