A artista galega FAIA Díaz Novo ultima os detalles do seu segundo traballo en solitario, Alvela, que verá a luz no mes de abril. O disco, composto por dez temas, afonda na experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, pero tamén na forza do íntimo, no desexo e no pracer.
O primeiro adianto, E se queres, publicarase o vindeiro 18 de marzo, ofrecendo unha mostra do son de Alvela, onde a voz de FAIA se entrelaza con arrolos, romances e cantigas tradicionais. Estes temas chegan acompañados unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha elección que dota ao disco dunha coherencia sónica e unha organicidade única.
O álbum, producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo), conta con colaboracións de artistas como Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas e Suelen Estar Cuartet. O concepto visual foi desenvolvido con Melania Freire, mentres que as acuarelas e animacións que acompañarán as cancións son obra da artista plástica Blanca Gracia. A poeta Antía Otero tamén participou no proceso de conceptualización do proxecto.
FAIA, coñecida polo seu traballo en solitario e pola súa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e Nacho.Faia.Lar, publicou en 2018 o seu primeiro disco, Ao cabo leirín, unha reinterpretación feminista e contemporánea do cancioneiro tradicional. Agora, con Alvela, volve cunha proposta sonora máis experimental e persoal.



