10 julio, 2025
A poucas horas de abrir as súas portas, o festival BIGSOUND Pontevedra fai historia ao esgotar todas as entradas para a súa primeira edición, que terá lugar os días 11 e 12 de xullo no Parque de Tafisa. Máis de 35.000 persoas, procedentes de máis do 90% das provincias españolas, daranse cita para vivir unha fin de semana inesquecible chea de música urbana, cultura e espectáculo.
A acollida foi tan extraordinaria que a organización confirmou xa a celebración da segunda edición en 2026, coa posta á venda dos primeiros abonos promocionais prevista para a próxima semana. Desde a organización destacan que «superar o sold out no noso debut é un fito enorme, e anunciar xa a edición 2026 amosa que este proxecto ten percorrido e futuro». Tamén subliñan o potencial de Pontevedra para consolidarse como unha nova sede clave no mapa dos grandes festivais de España.
O impacto positivo de BIGSOUND deixouse sentir xa nos días previos, coa implicación da administración, a cidadanía, o sector hostaleiro e o comercio local, que mostraron o seu entusiasmo e apoio para garantir a continuidade do evento nos próximos anos.
Organizado por PlayPlan e BS Entertainment, en colaboración co Concello de Pontevedra, o festival conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia e no marco dos Concertos do Xacobeo.
O cartel desta primeira edición reúne grandes nomes da música urbana como Nicky Jam, Rels B, Juan Magán, Omar Montes, Amaia, Tanxugueiras, Leire Martínez, Abraham Mateo, Ptazeta, La Zowi, Luck Ra, Julieta, Marc Seguí, DePol e María Escarmento. Ademais, conta con talentos emerxentes e propostas galegas como Sabela, LODE e Soulmacklein. A programación ofrece unha mestura diversa de pop urbano, reguetón, trap e fusión latina, situando a Pontevedra como o epicentro da música urbana no norte de España durante dous días memorables.