4 junio, 2025
As curtametraxes de ficción e animación finalistas aos Premios Mestre Mateo volven formar parte do Ciclo Mestre Mateo, grazas á colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Esta iniciativa, que arrinca este venres en Betanzos, supón unha oportunidade clave para dar visibilidade a estas obras e achegar o audiovisual galego a todo o territorio.
Durante a presentación da segunda edición do circuíto, a vogal da Academia, Carmen Méndez, acompañada por directores e directoras das curtametraxes finalistas e o director de AGADIC, Jacobo Sutil, destacou a importancia desta iniciativa para o sector audiovisual. Sutil subliñou que “as curtametraxes son unha peza clave para o sector audiovisual galego e iniciativas como esta permiten que teñan unha vida máis alá dos festivais”. Ademais, sinalou que o ciclo contribúe á descentralización cultural, chegando a 24 concellos, moitos deles pequenos, para que a cultura audiovisual chegue a todos os recunchos de Galicia.
Nesta edición participan 24 concellos de toda Galicia, co obxectivo de levar a cultura audiovisual a localidades onde habitualmente non existe unha oferta de cinema comercial ou de curtametraxes. A programación está composta polas curtametraxes finalistas á mellor curtametraxe de imaxe real e animación dos últimos Premios Mestre Mateo: Nai, Platónico, platónica, Pura, Véxote, Avetimoloxía, Eu vou comigo, Noites de prata e Sinapse.
Para Carmen Méndez, “o cinema en formatos curtos ten moi poucas oportunidades de chegar ao público fóra dos festivais de cinema. A falla de circuitos estables de exhibición é un desafío recoñecido polo sector audiovisual e neste contexto o Ciclo xoga un papel especialmente relevante, converténdose no maior circuito de exhibición de curtametraxes de toda Galicia e nun dos proxectos culturais galegos con maior penetración territorial”. Pola súa banda, os directores e directoras resaltaron a “importancia” destas actividades para “recuperar espectadores e non consumidores” no audiovisual.
As proxeccións comezan o 6 de xuño en Betanzos e continuarán polos 23 concellos restantes.