Mondra - Foto DS
28 octubre, 2025
Esta mañá celebrouse en Pazo de Raxoi a presentación oficial da décima edición da Gala aRi[t]mar Galiza e Portugal, o proxecto cultural que une ambos territorios a través da música e da poesía. O evento terá lugar o vindeiro xoves 30 de outubro no Auditorio de Galicia, e entregará galardóns a Mondra, Diogo Piçarra, Elba Pedrosa, Cátia Cardoso e Município de Braga.
No acto participaron o director da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago e organizador da gala, Gonzalo Constenla; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a poeta e xornalista Elba Pedrosa, premiada nesta edición; e o representante de Nordesía Producións, Vítor Belho.
Durante a súa intervención, as autoridades destacaron o papel de aRi[t]mar como espazo de encontro, difusión e celebración da creación artística nos dous países, así como o espírito de cooperación cultural presente desde os comezos do proxecto. Constenla sinalou que aRi[t]mar é un “proxecto pedagóxico que trascendeu os muros da EOI e que conta cunha ampla participación da sociedade con máis de 12.000 votos”. Este ano, co gallo do décimo aniversario, a organización elaborou unha publicación conmemorativa para facer un repaso por todas as edicións, lembrando a todos os premiados.
Elba Pedrosa apuntou que a gala “pon o foco na diferenza e une os pobos” e Valentín García sinalou que o “prestixio da lingua aumenta cando vemos que somos recoñecidos noutros territorios, cando hai unha interlocución coa lusofonía”. Pola súa banda, a alcaldesa sostivo que “Santiago é un lugar especial para todo o que é a promoción da lingua galega-portuguesa. As ligacións entre música e literatura na cidade é unha constante influenciada polo movemento estudantil. É un aRi[t]mar forte.”
A Gala aRi[t]mar terá lugar o vindeiro xoves 30 de outubro ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia, con entrada libre e gratuíta até completar capacidade da sala. O espectáculo estará conducido por Tati Moyano e Xurxo Souto e contará coas actuacións de Mondra (Mellor Canción Galega), Diogo Piçarra (Mellor Canción Portuguesa), Elba Pedrosa (Mellor Poesía Galega) e Cátia Cardoso (Mellor Poesía Portuguesa), ademais da participación institucional do Municipio de Braga como cidade convidada nesta edición.
As votacións celebráronse en marzo mediante un proceso aberto. A través dese mecanismo seleccionáronse as propostas finalistas en dúas categorías principais —Mellor Canción (Galiza e Portugal) e Mellor Poesía (Galiza e Portugal)— e, ademais, un Premio Especial do Xurado recoñece o labor destacado na promoción da amizade galego-lusófona. Agora, na gala do xoves, serán entregados os galardóns aos artistas gañadores, que simbolizan a excelencia creativa nas beiras do Miño.