16 octubre, 2025
Coincidindo coa recente proclamación da UNESCO do 17 de outubro como Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) súmase á celebración con uma mostra que se pode visitar na Biblioteca Intercentros de Lugo ata o 2 de novembro de 2025. A exposición, titulada ‘O patrimonio vivo’, está organizada pola Asociación Cultural e Pedagóxica ‘Ponte… nas ondas’, e conta coa colaboración do Concello de Lugo e da propia USC.
A mostra, que xa estivo no Colexio de Fonseca do campus de Santiago en 2024, foi inaugurada este xoves nun acto presidido polo vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco Fraga. O público poderá visitala en horario de 9.00 a 21.00 horas de luns a venres, e de 10.00 a 19.30 horas os fins de semana. Ademais, a exposición está aberta a visitas escolares, permitindo achegar aos estudantes ao coñecemento e á valoración do patrimonio cultural.
‘O patrimonio vivo’ reúne fotografías de bens inscritos no Rexistro de Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO en España, entre os que destaca o ‘modelo PNO!’, recoñecido como boa práctica dentro do PCI. A iniciativa pretende pór en valor a riqueza cultural inmaterial e concienciar á cidadanía sobre a importancia da súa preservación e transmisión entre xeracións.