28 junio, 2024
María Girón, autora catalá, ven de alzarse co XVII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado co seu proxecto titulado ‘BIM, BAM, BUM’. O premio, organizado polo Concello de Santiago en colaboración coa editorial KALANDRAKA, inclúe unha dotación económica de 9.000 euros e a publicación da obra en galego, catalán, éuscaro, castelán e portugués no mes de novembro.
A obra gañadora destacouse nunha edición que recibiu 218 proxectos de 22 países diferentes, entre os que se atopaban España, Italia, Portugal, Canadá, China, Perú, Arxentina, Brasil, Rusia, Estados Unidos, Israel, México, Turquía, Ecuador, Alemaña, Irlanda, Francia, Dinamarca, Bélxica, Chipre, Colombia, Eslovenia e Chile.
O xurado, composto por Ana Garralón, Natalia Colombo, André Letria, Xosé Cobas e Manuela Rodríguez (directora editorial de KALANDRAKA), subliñou a «frescura» de ‘BIM, BAM, BUM’ e a súa capacidade para reflectir a ludicidade da infancia, coa amizade como elemento central. Destacouse tamén a habilidade do proxecto para evocar a felicidade da vida infantil, cun texto sinxelo e musical que emprega elementos da tradición oral.
A ilustración, vibrante e contemporánea, xoga co espazo e as cores para complementar o texto de forma harmoniosa, segundo o xurado. A obra premiada será publicada pola KALANDRAKA en varias linguas, contribuíndo á proxección internacional tanto da editorial como da cidade de Santiago a través de feiras do libro.
Por outra vanda, o xurado elixiu a proposta ‘Voglio andare senza rotelle’, do ilustrador italiano Tobias Giacomazzi, como finalista do Premio por formar unha «historia chea de humor, a partir de pequenos detalles, desenvolta con tensión narrativa e cun final sorprendente», cunhas ilustracións «realizadas cunha técnica moi depurada, crean un ambiente singular que engaiola a mirada lectora».