29 octubre, 2025
O edificio CERSIA acolleu este mércores o curso “Saber doar. A axuda humanitaria desde os concellos”, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que forma parte o Concello de Santiago. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, inaugurou a xornada reivindicando “o papel relevante que debemos ter as administracións locais en materia de axuda humanitaria e cooperación internacional, un convencemento co que traballamos desde o Concello de Santiago”.
A tenenta de alcaldesa agradeceu ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o seu labor, e ás persoas asistentes ao curso “o interese, vontade e compromiso cun asunto que demasiadas veces se cuestiona que teña algo que ver co traballo que debemos abordar desde os concellos: a axuda humanitaria e a cooperación internacional”. Rozas destacou que estas cuestións deben abordarse “con coñecementos, certa preparación, e moita coordinación” e puxo en valor o compromiso do Concello coa cooperación internacional, “cunha convocatoria de subvencións á que destinamos 400.000 euros e da que nos sentimos profundamente orgullosas”.
O curso estaba dirixido ao persoal político e técnico da administración local, así como ao tecido asociativo, e tiña como obxectivo dar a coñecer como planificar, xestionar e coordinar a axuda en situacións de emerxencia, como a DANA de Valencia do pasado ano, ou derivadas de conflitos internacionais. Durante a xornada ofrecéronse pautas para atender as necesidades reais da poboación e evitar que problemas na xestión da axuda poidan agravar a crise. Trátase, en definitiva, de fortalecer as capacidades institucionais para exercer unha acción solidaria informada, ética e respectuosa coa dignidade e os dereitos das persoas afectadas.
O Concello de Santiago manterá un orzamento de 400.000 euros para a nova convocatoria de subvencións de cooperación ao desenvolvemento, “o máis alto desde a creación desta liña de axudas”, explicou María Rozas tras a aprobación das bases pola Xunta de Goberno. As modificacións introducidas buscan simplificar a tramitación das subvencións e adaptarse ás novidades lexislativas do ámbito da cooperación.
A convocatoria está dirixida ás Organizacións Non Gobernamentais de Desenvolvemento (ONGD) para proxectos en países empobrecidos, cunha axuda máxima por proxecto de 40.000 euros. As solicitudes deberán presentarse no prazo de 15 días hábiles desde a publicación no Boletín Oficial da Provincia. Rozas destacou que desta forma o Goberno local confirma “o seu compromiso coa cooperación ao desenvolvemento e coa transformación de Santiago nun concello solidario”, sendo a cidade que máis fondos destina en Galicia a este tipo de convocatorias.
Entre as novidades desta edición está o novo sistema de xustificación, polo que as entidades beneficiarias non deberán presentar xustificantes de gasto ou facturas xunto coa documentación da axuda. Ademais, o prazo para realizar os proxectos será de 12 meses desde a concesión da subvención, cun prazo de tres meses para a xustificación da mesma.
Na convocatoria anterior subvencionáronse 14 proxectos, catro en África (Guinea, Congo e Mozambique) e o resto en Latinoamérica, incluíndo Guatemala, Bolivia, El Salvador, República Dominicana, Cuba e Nicaragua. A maioría dos proxectos centráronse en acceso a auga potable e fortalecemento da soberanía alimentaria, reforzando o compromiso de Santiago coa cooperación internacional e o desenvolvemento sostible.