VermisLAB, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), ven de publicar un estudo pioneiro titulado “Young Children’s Creative Products in a STEAM Project», que explora a educación STEAM inclusiva na infancia temperá. O traballo, elaborado pola doutora Sabela Fernández Monteira, investigadora na área de Didáctica de Ciencias Experimentais da USC, e a bióloga e pedagoga Paz Picallo Díaz, forma parte do libro «Inclusive Science Education in the Early Years», publicado pola editorial GRAÓ en maio deste ano.
O traballo céntrase na unidade de aprendizaxe «Let’s become architects! An inclusive STEAM learning unit for early childhood”, deseñada para nenos e nenas de entre 6 e 8 anos, coa particularidade de estar orientada á inclusión do alumnado con necesidades educativas especiais. As actividades descritas no capítulo destacan o uso de tecnoloxía, robótica educativa e deseño arquitectónico, fomentando a creatividade e a resolución de retos científicos dun xeito accesible para todo o alumnado, independentemente das súas capacidades individuais.
Paz Picallo, que conta con máis de sete anos de experiencia en VermisLAB, subliñou a importancia de facer que a aprendizaxe técnica sexa accesible e inclusiva. «Estamos entusiasmadas por ser pioneiras na exploración do potencial creativo dos nenos e nenas nun ambiente STEAM», declarou Picallo. Engadiu que este estudo non só reflicte o compromiso de VermisLAB coa educación inclusiva, senón que tamén serve como un modelo a seguir para educadores e programas educativos a nivel global.
O libro no que se enmarca este estudo, que xa está dispoñible en formato físico co ISBN 9788419788955, así como en formato EPUB co ISBN 9788419788962, xorde coa intención de ser un recurso valioso para educadores, investigadores e responsables políticos interesados en implementar prácticas educativas inclusivas desde a primeira infancia.
VermisLAB é un centro de innovación educativa especializado en proxectos creativos STEAM. Fundado hai 10 anos en Santiago de Compostela, VermisLAB ofrece un espazo onde as nenas e os nenos poden aprender e desenvolverse a través da exploración e a creatividade, consolidándose como un líder en educación científica e tecnolóxica en España.




