6 junio, 2024
Arranca este mesmo venres a oitava edición da SELIC a partir das 17h, mantendo as súas actividades na Quintana ata o domingo 16 de xuño. Mañá será a primeira ocasión para visitar a carpa, onde se atoparán uns 25 postos de librarías, editoras e institucións, ademais dunha variada programación con máis de 60 actividades.
Nesta primeira xornada, o público poderá coñecer de preto á gañadora do Premio SELIC 2023: Rotas, As mulleres que o franquismo agochou en Compostela, de Montse Fajardo. A presentación será ás 19h, coa compañía de Francisco Macías, de Edicións Positivas, responsable da publicación do libro. O xurado destacou «a abordaxe da cidade desde unha óptica pouco frecuente», revelando «a represión institucional contra as mulleres psiquiatrizadas na posguerra» cunha «polifonía de voces».
Tamén este venres, a escritora Lara Dopazo nos transportará aos Seis poemas galegos de Federico García Lorca, no formato das Miudiño Sessions. Seis é un espectáculo musical-literario que celebra o ritmo único do poeta andaluz, figura recorrente na SELIC e no que Santiago deixou fondas pegadas nos seus versos galegos, algúns en diálogo co espazo que acollerá o recital: «É a lúa que baila / na Quintana dos mortos».
Ademais, ás 18h, o autor Carlos Gabriel Fernández estará no posto da Libraría Uróboros asinando exemplares das súas obras 50 lugares sagrados de Galicia e Compostela Máxica. Esta última inspirará un paseo guiado por el mesmo o domingo 9, propoñendo descubrir a cidade a través dos seus mitos e lendas.
Por outra banda, o Festival da Lectura recibirá ás 18h a visita da alcaldesa e membros da corporación municipal, marcando a inauguración do evento que converte Compostela na capital da lectura.
HORARIOS
O horario de apertura da carpa será normalmente polas tardes, de 17h a 21h, e os fins de semana tamén pola mañá, de 12h a 14h. Este ano, a SELIC ofrecerá sesións nocturnas con actividades ás 21h os días 8, 14 e 15 de xuño, pechando unha hora máis tarde, ás 22h.