1 octubre, 2024
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consello Galego de Relacións Laborais colaborarán na organización da primeira edición dun curso de formación específica sobre temas actuais en Dereito do Traballo. Este curso ten como obxectivo actualizar o coñecemento en áreas claves como a negociación colectiva, o tempo de traballo, o emprego público, os plans de igualdade, a discriminación laboral e a adaptación do Dereito do traballo español ao marco legal da Unión Europea.
O reitor da USC, Antonio López, e a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández Callejo, asinaron este martes no Colexio de San Xerome o acordo que permitirá a realización deste curso, que terá lugar entre o 23 de outubro e o 28 de novembro na Facultade de Dereito. O curso, dirixido polo catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC Javier Gárate Castro e codirixido por Lidia Gil Otero, desenvolverase unha tarde por semana e está especialmente orientado a estudantes e titulados en Dereito, Relacións Laborais, Recursos Humanos, Ciencias do Traballo, Ciencias Económicas e Administración de Empresas, así como a profesionais da xestión de recursos humanos, prevención de riscos laborais, asesoría laboral e membros de organizacións sindicais e empresariais.
O curso contará cun máximo de 40 prazas, das cales polo menos vinte serán cubertas por persoas propostas polo Consello Galego de Relacións Laborais. O custo da matrícula para estas persoas será de 30 euros. A preinscrición estará aberta ata o 3 de outubro, tras o cal se abrirá o proceso de matrícula.
O curso contará cun claustro docente de expertos de recoñecido prestixio no campo do Dereito do Traballo e da Seguridade Social. Entre os participantes destacan Mª Emilia Casas Baamonde, catedrática e presidenta honoraria do Tribunal Constitucional; Ignacio García-Perrote Escartín, catedrático e maxistrado do Tribunal Supremo; e Jesús Cruz Villalón, catedrático e presidente da Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos. Tamén participarán outros especialistas como Eduardo Rojo Torrecilla, Susana Rodríguez Escanciano, Patricia Nieto Rojas, Yolanda Maneiro Vázquez e José María Miranda Boto.