9 julio, 2025
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Asociación Galega para a Axuda das Persoas con Demencia tipo Alzheimer (AGADEA) veñen de asinar un convenio marco de colaboración co obxectivo de desenvolver conxuntamente actividades culturais, científicas, pedagóxicas e de investigación, así como todas aquelas que resulten de interese común. O acto protocolario tivo lugar no Pazo de San Xerome e contou coa presenza do reitor da USC, Antonio López, e da presidenta de AGADEA, Mª Isabel Gey Pérez.
O acordo, cunha duración inicial de catro anos prorrogables, constitúe un paso significativo no compromiso compartido coa mellora da calidade de vida das persoas con demencia, especialmente aquelas afectadas pola enfermidade de Alzhéimer. Ambas entidades comprométense a colaborar na formación de persoal investigador e técnico, así como na execución de proxectos de I+D. Ademais, o convenio facilitará a participación do alumnado universitario en actividades de voluntariado e prácticas académicas, contribuíndo a unha atención máis integral e especializada.
Para garantir o seguimento e cumprimento efectivo das accións derivadas do acordo, crearase unha Comisión Mixta paritaria, formada por representantes das dúas entidades. Por parte da USC formarán parte a Secretaría Xeral ou a persoa en quen delegue, e o profesor Pedro Diz Dios; mentres que AGADEA estará representada pola súa presidenta, Mª Isabel Gey Pérez, e por Faustino Rodríguez Vázquez.
Un dos eixos prioritarios desta colaboración será o estudo da saúde bucodental nas persoas con demencia, a través da participación activa do Departamento de Estomatoloxía da USC. Nos últimos meses, estudantes en prácticas da Facultade de Odontoloxía realizaron intervencións e recollida de mostras en diferentes centros e servizos terapéuticos de AGADEA, no marco dun proxecto pioneiro que explora a relación entre a saúde oral e a deterioración cognitiva.
Esta liña de traballo non só contribúe ao avance científico nun ámbito pouco explorado, senón que tamén reforza o papel da universidade como axente transformador en materia de saúde pública, inclusión e benestar social.