10 junio, 2024
O Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) ven de alzarse co premio ‘Fernando Calvet Prats’ a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía, outorgado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain).
O equipo da USC, coordinado por Juan Manuel Garrido e coa participación da profesora Dafne Crutchik da Universidade Adolfo Ibañez de Santiago de Chile, desenvolveu un procedemento para a recuperación de fósforo en augas residuais. Garrido explica que “a lexislación obriga a eliminalo nas estacións depuradoras, pero é posible recuperalo e reutilizalo como substancia útil. Dentro dos compoñentes do fósforo destaca a estruvita, con elevado poder fertilizante para a agricultura”.
Segundo os datos dos investigadores, a UE só produce o 1% de rocha fosfática, un recurso non renovable considerado estratéxico, polo que ten que importar a maior parte do fosfato utilizado na produción de fertilizantes, aditivos para alimentación animal e produtos químicos. “Un 86% deste recurso emprégase para a fabricación de fertilizantes. Por iso, a recuperación de estruvita das EDAR axudaría a reducir a dependencia da UE de recursos externos, aumentando a circularidade do proceso de depuración”, sinala o investigador.
Esta innovadora tecnoloxía, protexida por patentes española e europea, transferiuse á empresa española Aqualia, a cuarta en Europa e novena no mundo no sector da auga. A compañía implantou esta tecnoloxía nas EDAR de Guillarei (Tui, Pontevedra) e Jerez de la Frontera (Cádiz), onde puxeron en marcha plantas de recuperación de fosfatos. José Ramón Vázquez, responsable da Delegación Norte de Aqualia, destaca que “esta é unha tecnoloxía con moito potencial, especialmente considerando que moitos países xa obrigan a recuperar o fósforo das augas residuais e que a UE permite comercializar a estruvita. Solucionamos un problema nas depuradoras, melloramos a calidade da auga e, ademais, desenvolvemos un produto de grande utilidade para o campo”.
Para fomentar a precipitación de estruvita, úsase un subproduto de baixo custo producido en Galicia pola empresa Magnesitas de Rubián (O Incio, Lugo). “Isto permite reducir notablemente os custos asociados ao uso de reactivos químicos para a precipitación de estruvita, tendo en conta que en España só hai dous produtores de óxidos de magnesio de calidade industrial e moi poucos na UE”, engade Vázquez.
Na décima edición dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2024, recibíronse 30 propostas para as dúas categorías do certame. Ademais do premio gañado pola USC, outorgouse o premio ‘Francisco Guitián Ojea’ a un traballo de investigación aplicada da UDC, que desenvolveu novos materiais e tecnoloxías en estado sólido para sistemas de refrixeración e calefacción máis seguros, eficientes e sostibles. Este proxecto foi liderado por María Antonia Señarís do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía e da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña.
Os dous traballos distinguidos recibirán un premio de 5.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 19 de xuño, ás 19:00 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.