28 octubre, 2024
Fai xa un século, o 26 de outubro de 1924, Luisa Cuesta Gutiérrez facía historia ao impartir a súa primeira aula na Universidade de Santiago, converténdose na primeira muller docente universitaria en Galicia. Para conmemorar esta data histórica, onte inaugurouse unha placa conmemorativa na Facultade de Dereito, nun acto presidido polo reitor Antonio López e no que participaron a decana da Facultade, Ana Gude Fernández, así como as profesoras Lidia Gil Otero e Ana Cabana Iglesia.
Ana Cabana cualificou o acto como “un acto de memoria e de xustiza cara a Luisa Cuesta”, destacando a súa multifacética contribución á USC, que inclúe o seu papel como bibliotecaria e a súa importancia como primeira estudante de Dereito na universidade, nunha época na que só trece mulleres estudaban esta carreira en toda España.
A profesora Lidia Gil subliñou a importancia de visibilizar figuras como Luisa Cuesta, afirmando que a considera “un referente feminino ao que poder mirar”, e resaltou a obrigación de recoñecer o camiño que abriu para futuras xeracións. Por súa banda, Ana Gude destacou que as decisións de Cuesta reflecían “grande vontade de superación” en tempos difíciles e que a placa simboliza o recoñecemento á súa valentía como pioneira.
O reitor Antonio López recordou a traxectoria de Luisa Cuesta, enfatizando a necesidade de seguir traballando pola memoria das pioneiras que, como ela, abriron portas para outras mulleres na universidade. “Temos avanzado moito, pero queda moito por facer”, engadiu, instando a reflexionar sobre o papel fundamental destas mulleres na historia da USC.
Luisa Cuesta (Medina de Rioseco, 1892 – Madrid, 1962) superou as barreiras sociais e económicas que limitaban as oportunidades das mulleres a principios do século XX. A súa carreira como docente, investigadora e bibliotecaria é exemplificada por unha obra bibliográfica rica, que abarca temas de investigación histórica e feminismo, así como a historia da imprenta na súa última etapa.
Traballou na Biblioteca da USC até 1930 e, tras trasladarse a Madrid, dirixiu a Biblioteca Nacional a partir de 1937. Foi perseguida e purgada por súa oposición ao réxime fascista, sufrindo a marxinación até a súa readmisión en 1945. A pesar de seu extraordinario currículo académico, a súa vida profesional estivo marcada pola súa dedicación ao mundo das bibliotecas, onde desempeñou un papel crucial na conformación da Biblioteca América da USC.