18 septiembre, 2024
A exposición Instrumentos de Visión do recoñecido artista Armin Linke chega ao seu fin este sábado 21 de setembro, tras unha estadía de tres meses na Igrexa da Universidade de Santiago, onde superou as 40.000 visitas. Para culminar esta mostra, o venres 20 de setembro ás 20.00 horas, celebrarase unha conversa titulada Lóxicas científicas e creatividades artísticas: Referencias e interaccións. Este evento contará coa participación de expertos de diversos campos e abordará os vínculos entre as achegas da física de partículas e as narrativas artísticas contemporáneas.
No encontro intervirán o director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), Carlos Salgado; o escritor e crítico literario Mario Regueira; a psiquiatra Iria Veiga; e a coordinadora da exposición, Natalia Poncela, quen conducirá o debate. A actividade, organizada en colaboración coa Asociación Galega da Crítica, será de entrada libre. Ademais, o xoves 19 de setembro ás 19.00 horas, terá lugar a última visita guiada á exposición, para a que se require inscrición previa a través da web oficial.
A mostra Instrumentos de Visión recompila máis de 20 anos de traballo de Armin Linke (Milán, 1966), fotógrafo e cineasta coñecido polas súas observacións das investigacións realizadas en infraestruturas científicas experimentais de gran envergadura, como o CERN ou o Instituto de Óptica Cuántica de Innsbruck. Linke tamén realizou novas obras sobre o traballo científico do IGFAE, reflectindo a súa participación en proxectos internacionais como o experimento LHCb no CERN.
Comisariada por Mónica Bello, directora de Arts at CERN, esta exposición conmemora o 25º aniversario do IGFAE e o 70º aniversario do CERN, e enmárcase na estratexia do IGFAE de conectar ciencia e sociedade mediante o ArtLab, unha iniciativa que promove o diálogo entre a arte contemporánea e a investigación científica.