26 abril, 2024
Recorrer a capital compostelá e explorar á mesma vez a súa relación co galego. Eso é o que propón ‘Compostela e as orixes da lingua’ cunha andaina guiada a través dun itinerario de dúas horas por diferentes puntos da cidade. Este paseo conducirá as persoas participantes a través dun percorrido por doce puntos no que poderán descubrir como naceu o galego e aspectos relevantes en canto ao léxico, á pronuncia, ao status social…Iniciando na praza da Pescadería Vella e rematando na de San Fiz de Solovio, apóiase en diferentes recursos para facilitar a contextualización e a audición das explicacións.
Así, o Concello de Santiago, a través do seu Departamento de Lingua Galega, pretende con esta acción divulgar a orixe e a diversidade do desenvolvemento do idioma, fomentar a reflexión sobre o potencial do galego na sociedade actual e dar algunhas pistas sobre as orixes de Santiago de Compostela e a súa relación coa lingua galega.
O primeiro paseo, no que participará tamén a alcaldesa Goretti Sanmartín, arrancará o vindeiro sábado 4 de maio ás 11:00 h desde a praza da Pescadería Vella. Todos os interesados poden inscribirse previamente a través dun formulario no portal web do Concello que permanecerá aberto ata completar as 30 prazas.
Os paseos posteriores desenvolveranse entre o 15 de setembro e o 31 de outubro e estarán dirixidos a grupos de alumnado desde 4º de ESO ata 2º de BAC ou a grupos organizados de entre 15 e 30 persoas do público xeral.