24 agosto, 2024
Máis de 20 anos de traballo do artista Armin Linke, a partir da observación das investigacións realizadas en grandes infraestruturas experimentais como o CERN, Laboratori Nazionali di Gran Sasso (L’Aquila, Italia), ou o Institute for Quantum Optics and Quantum Information (IQOQI), de Innsbruck (Austria) dan vida a ‘Instrumentos de visión’, unha mostra que abriu as súas portas na Igrexa da Universidade a finais do mes de xuño e que agora chega ao seu final próximo día 28 de agosto.
Froito da colaboración do IGFAE con Arts at CERN, o programa de arte da Organización Europea para a Investigación Nuclear, co gallo do 25º aniversario do IGFAE e os 70 anos da fundación do CERN, esta mostra está comisariada pola compostelá Mónica Bello, directora desde 2015 de Arts at CERN.
INSTRUMENTOS DE VISIÓN
A exposición reflexiona sobre como, nas últimas décadas, a combinación de grandes avances técnicos e achados científicos «revolucionaron a nosa percepción do espazo, o tempo e a materia», segundo destacou a comisaria Mónica Bello. Grazas a estes progresos, a comunidade científica desenvolveu complexos instrumentos que permiten desvelar o funcionamento dos elementos máis fundamentais da materia.
No singular marco da Igrexa da Universidade, a proposta de Armin Linke convida ao público, a través de 16 obras, a achegarse a estes espazos de investigación, captando a dinámica dos laboratorios de física de partículas. Deste xeito, ‘Instrumentos de Visión’ reflexiona tamén sobre o modo no que a ciencia non é un esforzo solitario. «Ao contrario, vese como un empeño colectivo no que interveñen actores humanos e contornas socialmente entrelazadas, comprendidas polo persoal investigador, os instrumentos, os artefactos e os materiais de laboratorio», salienta Mónica Bello.
Este proxecto enmárcase na aposta realizada nos últimos anos polo ArtLab do IGFAE, co obxectivo de abrir novos espazos de conexión coa sociedade e fomentar unha investigación e innovación responsables. Así, ‘Instrumentos de Visión’ contribúe ao diálogo entre a arte contemporánea e as liñas de investigación do IGFAE.