9 julio, 2025
No corazón do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, a Aula Gastrocultura acolle unha nova edición das xornadas gastronómicas promovidas polo Programa Compostela Convive, unha iniciativa da Plataforma polo Emprego en colaboración co Concello. Estas xornadas poñen o foco no diálogo cultural e a convivencia a través da gastronomía, unha ponte que une tradicións e innovacións culinarias de diferentes orixes.
A segunda actividade do ciclo, que terá lugar o próximo 10 de xullo, contará coa presenza do cociñeiro Tomás Rubio e o seu equipo do restaurante A Viaxe. Cunha proposta que mestura a raíz da cociña peruana coa calidade dos produtos galegos, presentarán un itinerario gastronómico de fusión contemporánea, no que os sabores tradicionais viaxan e se enriquecen con matices internacionais. O público poderá asistir á elaboración en directo destes petiscos para, logo, degustalos.
As prazas para esta experiencia gastronómica esgotáronse rapidamente, deixando unha lista de agarda que evidencia o interese e a acollida desta iniciativa cultural e culinaria no Mercado de Abastos.
O programa Compostela Convive continuará o 17 de xullo cunha terceira xornada que traerá á escena a Moussa Fall e Sadio Cissokho, estudantes do C.I.F.P. Compostela, xunto con Kike Piñeiro, do restaurante A Horta d’Obradoiro. Nesta ocasión, achegarán ao público os sabores da comida tradicional senegalesa, ampliando o diálogo intercultural a través da cociña.