18 abril, 2024
O aclamado espectáculo da compañía catalá La Veronal fai a súa estrea en Galicia o sábado 20 e abril e arranca dúas semanas de programación especial arredor das artes do movemento. O domingo 28 de abril, Nova Galega de Danza presenta no Auditorio de Galicia ‘Berro’, un espectáculo co que a compañía celebra 20 anos en escena. O venres 3 de maio, o coreógrafo e investigador Javier Martín leva ao Teatro Principal ‘O punto impropio’, un traballo interdisciplinar no que a danza e a tecnoloxía se dan a man
Ás portas do 29 de abril, no que se conmemora o Día Internacional da Danza, Compostela Cultura intensifica a súa programación de espectáculos vencellados ás artes do movemento. A axenda arranca con ‘Sonoma’ un hipnótico traballo da prestixiosa compañía barcelonesa La Veronal, que chega por fin a Galicia tras o paso triunfal polos circuítos estatal e internacional de danza, con escenarios como o Mercat de les Flors, o Théâtre National de Chaillot (París), a Biennale de Venecia, a Oslo Opera, o Tanz im August (Berlín), o Roma Europa Festival, o SIDance Festival (Seúl), o Internationale Tanzmesse (Düsseldorf) ou a Cour d’honneur du Palais des papes Palais des papes no Festival de Avignon.
Neste espectáculo, o coreógrafo e director Marcos Morau (Premio Nacional de Danza en 2013, Cabaleiro da Orde das Artes e as Letras polo Ministerio de Cultura de Francia en 2023) retoma as ideas esenciais da peza que creou en 2016 para o Ballet de Lorraine, Le Surréalisme au service da Révolution, e constrúe un novo universo a partir da figura de Buñuel, ao redor da Calanda medieval e o París cosmopolita, entre a disciplina xesuítica e a liberdade surrealista. Nunha fusión de ópera, danza e teatro físico de absoluto goce estético, unha decena de bailarinas apodéranse do escenario para se liberar das ataduras do coñecido. ‘Sonoma’ é un berro que nos conecta coa esencia da condición humana, coa orixe. En palabras da compañía, «é o ouveo primitivo do corpo, o pulso da humanidade por sobrevivir e sentirse viva».
O espectáculo é unha coprodución con Les Théâtres de la Ville de Luxembourg, Tanz im August/ HAU Hebbel am Ufer, o Grec 2020 Festival de Barcelona – Institut de Cultura do Ajuntament de Barcelona, o Oriente Occidente Dance Festival, o Theater Freiburg, o Centro de Cultura Contemporánea CondeDuque, o Mercat de les Flors, Temporada Alta, Hessisches Staatsballett no marco do Tanzplattform Rhein-Main, e Sadler’s Wells. Foi tamén beneficiario do proxecto de cooperación transfronteirizo PYRENART, dentro do marco do programa Interreg VA España-Francia-Andorra POCTEFA 2014-2020 – Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Conta ademais coa colaboración de Graner – Fàbriques de Creació e Teatre L’Artesà e o apoio de INAEM – Ministerio de Cultura e Deporte de España e ICEC – Departament de Cultura da Generalitat de Cataluña.
O público de Compostela poderá gozar del o sábado, día 20 de abril, ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia. As entradas, a un prezo de 10 € (cos descontos habituais para diferentes colectivos) están á venda na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, das 11 ás 14 horas e das 16 ás 19 horas) e no do propio Auditorio (o día do espectáculo dende unha hora antes do seu inicio).
‘Berro’ de Nova Galega de Danza
O domingo, día 28 de abril, será a compañía Nova Galega de Danza (NDG) quen se faga coas táboas do Auditorio de Galicia para presentar en Compostela ‘Berro’. Esta peza, candidata a mellor espectáculo de danza nos Premios Max, representa o baleiro que supón ser persoas soas e illadas nunha sociedade sen memoria, na busca do movemento que lle lembre o seu pasado. O espectáculo, creado para conmemorar o vixésimo aniversario da compañía, convídanos a «unha viaxe que conecta os estados emocionais, amosa a importancia de recuperar esa esencia ancestral –a tradición, a terra, a raíz, a familia e a casa– a través da experiencia colectiva, sentindo a transformación na expresión do corpo».
Con dirección de Jaime Pablo Díaz, coreografía e dirección artística de Sharon Fridman e de NDG, e música de Sergio Moure, conta cun elenco conformado por Inés Vieites, Estefanía Gómez, Alba Cotelo, Laura Santamariña, Ricardo Fernández, Iván Villar, Jaime Pablo Díaz. O espectáculo forma parte do Foco NeoTrad da programación escénica de Compostela Cultura e da programación apoiada pola Rede Galega de Teatros e Auditorio.
As entradas para este pase de ‘Berro’, que terá lugar no Auditorio de Galicia a partir das 20.30 horas, pódense adquirir un prezo de 10 € (cos descontos habituais para diferentes colectivos) están á venda na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, das 11 ás 14 horas e das 16 ás 19 horas) e no do propio Auditorio (o día do espectáculo dende unha hora antes do seu inicio).
‘O punto impropio (A/S/V)’ de Javier Martín
Xa no mes de maio, o coreógrafo e investigador Javier Martín presentará no Teatro Principal ‘O punto impropio (A/S/V)’, unha peza que, a través do movemento, e do son e a imaxe en tempo real, constrúe unha sorte de rexistro e composición auditiva (A), somática (S) e visual (V) co que se activa e resignifica a coreografía. O venres 3 de maio a partir das 20.30 horas, o espectáculo preséntanos «un corpo no esforzo de percibirse a si propio, que nos comparte as súas aproximacións, descubertas e revelacións. A entrada a un laboratorio no que a percepción se distorsiona e afina á vez, propoñendo novas sensibilidades. Unha experiencia que cuestiona o eu percibido, a identidade construída con base en proxeccións asumidas».
As entradas para este espectáculo, que tamén forma parte do circuíto promovido pola Rede Galega de Teatros e Auditorios, pódense adquirir un prezo de 10 € (cos descontos habituais para diferentes colectivos) na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, das 11 ás 14 horas e das 16 ás 19 horas) e no do propio Teatro Principal (o día do espectáculo dende unha hora antes do seu inicio).
O día inmediatamente anterior, Javier Martín conducirá tamén no Principal o ‘SOMA | Laboratorio Cinestésico’, un obradoiro teórico-práctico que busca achegar ao público o proceso de creación e posta en escena dun espectáculo de danza. O taller terá lugar ese xoves, 2 de maio, en dúas quendas independentes, de mañá e tarde, con 30 prazas dispoñibles cada unha delas. A participación é gratuíta previa inscrición no formulario habilitado na páxina web de Compostela Cultura e o prazo para cursala estará aberto ata o 20 de abril.