26 septiembre, 2024
O vindeiro venres 27 de setembro celébrase no Edificio Fontán da Cidade da Cultura o simposio internacional ‘Historia e innovación para a agroecoloxía 2024’, organizado polo grupo de investigación Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra) da USC e o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC). O evento comezará ás 9.00 horas e reunirá expertos de toda Europa para debater sobre a innovación e o cambio tecnolóxico na agroecoloxía desde unha perspectiva histórica.
O obxectivo do simposio é reflexionar sobre unha transición ecolóxica apoiada no coñecemento histórico, explorando novas vías de innovación agrícola baseadas na economía circular, a redución da polución e o uso de enerxías renovábeis. Este enfoque pretende contrapoñerse ao modelo tradicional de intensificación produtiva que caracterizou a agricultura europea tras a Segunda Guerra Mundial, e que aínda predomina en moitas zonas.
O grupo Histagra, con máis de vinte anos de experiencia no estudo das transformacións do mundo rural galego, busca poñer en valor o coñecemento tradicional e as prácticas resilientes anteriores á modernización agrícola. Este traballo inclúe a recuperación do diálogo entre científicos e agricultores, así como o estudo de modelos de innovación agroecolóxica.