5 noviembre, 2025
Acabase de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o ditame do Xurado sobre a valoración das propostas admitidas na Fase I (Ideas conceptuais) do Concurso de Iluminación Ornamental e Artística da contorna monumental da Catedral. Este, reunido o pasado 15 de outubro en Santiago de Compostela, avaliou as 21 propostas nacionais e internacionais, seleccionando como finalistas as tres —“Ad maiora semper”, “Shh… See the silence” e “Hermes”— que acadaron, polo menos, o 50% da puntuación máxima posible na fase de ideas conceptuais.
En concreto, “Ad maiora semper”, logrou 75 puntos, pola súa elegancia técnica e o seu enfoque “devoto”, que propón unha luz gradual e silenciosa centrada na monumentalidade da Catedral; “Hermes”, foi valorada con 95 puntos, pola súa lectura integral da arquitectura e historia do espazo, a súa claridade conceptual, orixinalidade e equilibrio lumínico entre monumento e contorna; e “Shh… See the silence”, fíxose con 85 puntos pola súa capacidade para recrear unha atmosfera de serenidade e respecto, a súa integración estética e emocional co conxunto histórico e mínimo impacto patrimonial. Cada unha das tres ideas conceptuais finalistas recibirá un premio de 18.150 euros.
As tres propostas deberán agora presentar un anteproxecto completo no prazo de 30 días naturais dende a publicación do anuncio no perfil do contratante. A proposta gañadora será seleccionada na segunda fase do proceso e asumirá a redacción do proxecto e a dirección da obra de iluminación da Praza de Praterías, proxecto piloto desta iniciativa cun orzamento estimado de 121.000 euros.
Redefinir a paisaxe nocturna
O certame busca reinterpretar, dun xeito integral, a iluminación da contorna catedralicia, actuando nas prazas do Obradoiro, Praterías, Quintana e Inmaculada, así como nas rúas e tránsitos que as conectan, como unha ferramenta de comunicación coa cidadanía, de xeración de emoción e benestar, de posta en valor do patrimonio cultural, e de potenciación da identidade do territorio e dos seus habitantes.
Neste sentido, a intervención atenderá a tres principios fundamentais como son a sostibilidade e eficiencia enerxética, reducindo a contaminación lumínica; a integración estética, que poña en valor a diversidade monumental da contorna catedralicia e do propio monumento; e a innovación técnica e sensibilidade artística, creando unha iluminación emocional, acougada e saudable para a veciñanza e as persoas que se achegan a Compostela.
Un xurado internacional de prestixio
A avaliación das propostas, tanto na fase de ideas como de anteproxectos, corre a cargo dun xurado independente, integrado por profesionais de recoñecido prestixio internacional: o arquitecto británico David Chipperfield, premio Pritzker e Stirling; a arquitecta Teresa Táboas, vicepresidenta de Europa Occidental na Unión Internacional de Arquitectura (UIA); o experto en iluminación urbana Roger Narboni, fundador do estudo Concepto en París; a editora da revista Lightecture e embaixadora en España de Women in Lighting, Esther Torelló; e o catedrático Manuel Castiñeiras, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, xunto con representantes das administracións que participan do Plan de Sostibilidade Turística de Santiago (PSTD).
Proxecto de cidade
Neste sentido, cómpre sinalar que o Concurso Internacional de Iluminación enmárcase no PSTD, promovido polo Goberno de España, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela, cun investimento total de 3 millóns de euros para proxectos de transformación sostible.
Esta iniciativa constitúe unha das actuacións centrais do Plan, ao apostar pola innovación lumínica aplicada ao patrimonio e pola mellora da experiencia cidadá e turística, e conta para o seu desenvolvemento co apoio técnico integral da empresa compostelá TRIVIUM.