17 noviembre, 2025
Como parte das actividades organizadas para conmemorar o 50 aniversario da Facultade de Filoloxía da USC, o próximo 19 de novembro ás 11.00 horas terá lugar no auditorio da Facultade a presentación do libro Scripta manent. 50 anos de memoria e palabra, editado por Edicións USC.
O volume, unha antoloxía literaria de escritoras e escritores vinculados á Facultade, recolle medio século de creación, pensamento e reflexión arredor da palabra, desde 1975 ata 2025. Trátase dunha homenaxe á longa traxectoria do centro, que durante estas décadas non só foi un espazo de estudo e investigación, senón tamén de aprendizaxe vital, encontros e experiencias que transcenderon as aulas.
A presentación contará coa presenza do escritor Xosé María Álvarez Cáccamo, e incluirá as intervencións de destacados representantes da cultura e da educación galega: Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Elias Feijo, decano da Facultade de Filoloxía; e Cristina Mourón, editora do libro e profesora do centro.
Segundo subliña a antoloxía, este proxecto xorde dunha “venturosa conxunción entre verba e memoria” e pretende ser unha celebración da palabra, un acto que deixa pegada e que expresa a memoria da experiencia humana, recoñecendo o papel fundamental que a Facultade de Filoloxía xogou no desenvolvemento intelectual e cultural de Galicia durante estes cincuenta anos.