24 octubre, 2024
O concurso gastronómico Santiago(é)Tapas, organizado por Turismo de Santiago, celebrará a súa XVI edición do 13 de febreiro ao 2 de marzo de 2025. Trátase do segundo ano consecutivo en que o evento se organiza no mes de febreiro, tras o éxito da pasada edición, cando se decidiu mudar a súa data tradicional de novembro. O cambio responde ao consenso entre o Concello e o sector hostaleiro, que considera que a nova data, nunha tempada máis baixa, axuda a desestacionalizar a actividade turística e fomenta a dinamización do sector nese período.
Na pasada edición, o número de tapas consumidas rozou as 25.000, un dato significativo ao tratarse dun mes complexo para a hostalaría. Ademais, un 40% dos consumidores foron visitantes de fóra de Compostela, o que reforza o atractivo do certame non só a nivel local, senón tamén como reclamo turístico.
A partir do 4 de novembro e ata o 8 de xaneiro de 2025, os establecementos hostaleiros de Santiago de Compostela poderán inscribirse para participar nesta nova edición de Santiago(é)Tapas. O prazo de inscrición de dous meses permitirá aos locais preparar con calma as súas creacións culinarias.
Para formalizar a inscrición, os interesados deberán acceder á páxina web oficial do evento, santiagoetapas.gal, onde atoparán tanto as bases do concurso como o formulario correspondente. Poderán participar todos os locais de hostalaría situados no termo municipal de Santiago que conten coas licenzas requiridas.
O cambio de data de Santiago(é)Tapas, ademais de aliviar a sobrecarga de traballo que os establecementos teñen en novembro, busca atraer un maior número de clientes durante os meses de menor actividade. O éxito acadado na edición de 2024, coa súa mellor tapa creativa e doce, o crocant de abelá, garacho praliné e maracuyá do café La Morena, demostra a capacidade do certame para innovar e atraer tanto a residentes como a turistas.