17 septiembre, 2024
O Concello de Santiago únese á celebración da Semana Europea da Mobilidade, que este ano leva por lema «Espazo público compartido». O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, presentou esta mañá o programa de actividades que promove o uso de modos de transporte sustentables e a recuperación de espazos urbanos para as persoas. Acompañado polo xerente de Tussa, José Ramón Mosquera, Duro destacou a importancia de sensibilizar á cidadanía sobre os beneficios ambientais e para a saúde que supón o uso do transporte público, a bicicleta e os desprazamentos a pé.
Durante a rolda de prensa, Xan Duro subliñou que o exceso de vehículos privados nas cidades non só xera contaminación acústica e atmosférica, senón tamén visual, afectando negativamente a calidade de vida dos residentes. “Debemos imaxinar unha cidade con menos coches e máis espazo para as persoas”, afirmou.
ACTIVIDADES DESTACADAS
As actividades comezarán mañá coa inauguración dunha exposición de bicicletas antigas no Colexio de Fonseca, organizada en colaboración coa Universidade de Santiago. A mostra, que estará aberta ata o 24 de setembro, exhibirá bicicletas anteriores a 1940 restauradas por Eusebio Rivero, un coleccionista de Pontevedra. A exposición será inaugurada pola alcaldesa Goretti Sanmartín, o reitor Antonio López e o concelleiro Xan Duro.
O venres celebrarase o «Día de camiñar ao cole», unha iniciativa que contará coa participación de varios centros educativos de Santiago. O alumnado dos CEIPs Quiroga Palacios, Vite I, Pío XII, Raíña Fabiola, López Ferreiro e Ramón Cabanillas desprazarase a pé aos colexios desde puntos de encontro, acompañados por axentes da Policía Local e Protección Civil. O obxectivo é promover o camiñar como unha opción segura e saudable para os nenos e nenas, reducindo a congestión de tráfico nas proximidades dos centros escolares.
DÍA SEN COCHES
O punto culminante da Semana Europea da Mobilidade será o Día sen coches, o domingo 22 de setembro. Entre as 10:30 e as 13:30 horas, pecharase ao tráfico a rúa Virxe da Cerca, entre Porta do Camiño e a rúa das Trompas, para ofrecer espazo a actividades lúdicas organizadas en colaboración con asociacións locais como Xogos Tradicionais Compostela e Don Bosco, ademais da tenda de bicicletas La Fuga.
Neste senso, o xerente de Tussa, José Ramón Mosquera, explicou que o obxectivo deste día é mostrar como sería a cidade sen o exceso de vehículos e como recuperar espazos públicos para o uso e goce da veciñanza.