18 septiembre, 2024
A Concellaría de Xuventude de Santiago de Compostela anuncia o regreso do Compostela Skate, un evento que mestura deporte e música urbana, dez anos despois da súa última edición. O festival celebrarase o 28 de setembro na Praza da Constitución e reunirá aos mellores deportistas de toda Galicia en disciplinas como o skate, o breakdance e o BMX Flatland.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou o evento esta mañá en rolda de prensa, acompañada polos coordinadores Alberto Muíño e Rubén Varela, tamén coñecido como DJ Mil. Rozas destacou que a Concellaría de Xuventude está comprometida con promover a cultura urbana como unha ferramenta clave para a transmisión de valores e a creación de comunidade. «Apostamos polos eventos de cultura urbana, conscientes do seu gran potencial e porque é unha demanda real entre a mocidade», sinalou a concelleira. Ademais, animou non só á xuventude, senón tamén ás xeracións máis maiores, a gozar desta xornada de exhibicións e competicións.
O festival volve logo dunha década, con forza renovada e nun novo escenario. A primeira edición do Compostela Skate celebrouse en 2010 e continuou ata 2014, en espazos como o Campus Sur e a Praza do Toural. Nesta ocasión, o evento trasládase á Praza da Constitución, onde se aproveitarán as instalacións deseñadas especificamente para o skate. O programa do Compostela Skate foi reforzado grazas á colaboración con Cultura Urbana Shop, Vella Escola, Wax Cultura Dj e Skate.
DEPORTE, MÚSICA E EXHIBICIÓNS
O coordinador do festival, Alberto Muíño, destacou que esta edición traerá a Santiago algúns dos mellores deportistas en disciplinas como o skate, o breakdance e o street breakdance, quen amosarán as súas habilidades en competicións que prometen ser espectaculares. As inscricións para participar nas competicións xa están abertas, e tamén haberá exhibicións doutras disciplinas urbanas como o BMX Flatland, a arte urbana e actuacións de Dj’s.
O evento pecharase cun concerto que contará coa participación de artistas emerxentes do panorama musical galego, como Saibran (membro do grupo Boyanka Kostova), Sandra FG, Mahía e André GS, este último parte da comunidade de músicos que ensaian no Centro Xove da Almáciga. Rubén Varela, DJ Mil, subliñou que os artistas convidados son «novos pero con moito talento e con gran proxección no panorama musical urbano».