20 junio, 2024
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou esta mañá na Comisión Executiva do Eixo Atlántico, que se celebrou na cidade de Lugo, onde esta organización inaugurou a súa sexta praza pública, sendo esta a primeira en Galicia.
A nova praza en Lugo, cuxa creación foi aprobada no contexto da Capital da Cultura 2023, engádese ás de Bragança, Matosinhos, Braga, Vila Nova de Gaia e Viana do Castelo. Este espazo representa un recoñecemento á historia da entidade e simboliza un punto de encontro das cidades galegas e portuguesas. A praza está presidida por unha escultura en forma de cilindro iluminativo, que inclúe os nomes dos 41 municipios e deputacións que forman parte do Eixo Atlántico.
Así, tras a inauguración, a Comisión Executiva reuniuse no edificio Impulso Verde para analizar a situación e evolución das infraestruturas e os principais proxectos en curso do Eixo . Entre os acordos tomados, ratificouse a proposta do Grupo Temático de Turismo para que Sarria sexa, en maio de 2025, a sede da VIII Expocidades, a feira de turismo de proximidade.
Ademais, o Grupo Temático de Educación e Cultura aprobou que Viana do Castelo será a Capital da Cultura 2025. Durante 10 meses, de xaneiro a outubro, organizaranse 64 grandes eventos de diversas disciplinas: cultura urbana, música, literatura, gastronomía, cine, arquitectura, etc, que porán o acento na aproximación e a interconexión dos elementos identitarios de Viana do Castelo co Eixo Atlántico.
Finalmente, a Comisión Executiva aprobou a proposta do Grupo Temático de Deportes para organizar en Valongo, no mes de outubro, un seminario de intercambio de experiencias sobre a igualdade de xénero no deporte.
En canto ás infraestruturas, confirmouse o compromiso do Goberno de Portugal de manter o calendario da liña Lisboa-A Coruña, tal e como foi aprobado pola Asemblea da República, co inicio dos procesos previos á construción da liña sen ningún atraso.