21 agosto, 2024
O Concello compostelán presentou un novo plano ilustrado que inclúe 20 atractivos turísticos situados fóra do Casco Histórico, co obxectivo de incentivar que as persoas que visitan a cidade exploren máis alá da Améndoa e controlar así os fluxos turísticos.
Baixo o lema «Compostela é moito… máis. Descúbrea», este plano busca tanto dispersar os mencionados fluxos turísticos como aumentar a estadía media dos visitantes, ofrecéndolles novas razóns para prolongar a súa estancia e descubrir diferentes recursos da cidade.
Este novo recurso forma parte da Campaña Fráxil, unha iniciativa promovida este verán que subliña a importancia de coidar da capital galega. Precisamente a través deste plano, o Concello procura fomentar un turismo máis consciente e responsable, convidando aos turistas a gozar da cidade, pero tamén a respectala e protexela.
Entre os 20 lugares destacados que aparecen no plano atópanse a Senda Mitolóxica do Monte Viso, a Colexiata de Sar, o Parque de Belvís, o Parque de San Domingos de Bonaval, o Auditorio de Galicia, o Paseo Fluvial do Sarela e o Miradoiro das Estrelas do Monte Pedroso, recentemente inaugurado. Todos estes espazos, situados máis alá do Casco Histórico, ofrecen alternativas interesantes para quen desexe coñecer unha Compostela menos concorrida pero igualmente fascinante.
O plano será distribuído como parte do material informativo da Campaña Fráxil, e estará dispoñible a través das cinco parellas de informadores que, a partir deste venres e durante 45 días, estarán nas catro entradas do Camiño de Santiago na cidade e nos principais puntos de concentración de turistas na zona histórica, especialmente nas prazas que rodean a Catedral.
Ademais, oeste poderá consultarse na páxina web de Turismo de Santiago, facilitando o acceso a esta ferramenta tanto a turistas como a residentes interesados en explorar os segredos menos coñecidos da cidade.