13 octubre, 2025
O Concello de Santiago presentou a súa campaña polo Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos, que se conmemora o 18 de outubro, baixo o lema ‘Toma nota: se calas, tamén tratas’. A iniciativa municipal apela directamente á cidadanía a romper o silencio, denunciar e apoiar ás vítimas deste grave delito que viola os dereitos humanos e atenta contra a dignidade, a integridade e a liberdade das persoas.
Baixo a premisa de que a voz libera, o Goberno local quere sensibilizar sobre unha realidade que, segundo a Unión Europea, é un dos negocios ilícitos máis lucrativos do continente, alimentado pola explotación de mulleres, homes, nenas e nenos que son convertidos en mercancía.
Como parte do programa, o sábado 18 de outubro instalarase unha carpa informativa na praza do Toural, aberta de 11.00 a 18.00 horas, onde o público poderá atopar materiais divulgativos e coñecer de que maneira se pode actuar fronte á trata.
A campaña inclúe tamén unha actividade cultural: a representación da obra de teatro ‘Atrapadas’, da compañía Maquinarias Teatro, que se ofrecerá o venres 17 de outubro ás 19.00 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, con entrada de balde ata completar capacidade.
Dirixida e interpretada por Eugenia Sanmartín e Helga Méndez, Atrapadas dá voz ás historias reais de varias mulleres sirias refuxiadas no porto do Pireo (Grecia), que relatan as súas experiencias de fuxida da guerra, da fame e das violacións, así como a separación das súas familias e as duras condicións de vida nos campos de refuxiados.
Segundo os datos europeos máis recentes, 10.793 vítimas de trata foron detectadas no ano 2023, das cales o 63% eran mulleres ou nenas, unha porcentaxe que se mantén estable nos últimos anos.
No Estado español, o Ministerio do Interior rexistrou en 2024 un incremento do 22% nas vítimas de trata con respecto ao ano anterior. No caso da explotación sexual, identificáronse 632 vítimas, das cales o 98% eran mulleres. Ademais, a trata por matrimonios forzados acadou o seu máximo histórico con 8 vítimas, todas mulleres, e seis delas menores de idade.
Estas cifras poñen de manifesto a dimensión de xénero deste fenómeno e a súa estreita relación coa violencia machista, lembrando que a trata de seres humanos segue a ser unha realidade oculta, mais cada vez máis visible grazas á denuncia e á colaboración cidadá.