24 junio, 2024
A Xunta de Goberno local acordou esta mañá a aprobación provisional da modificación puntual do Catálogo do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica (PE-1) co obxectivo de garantir a protección do mural pintado polo artista galego Urbano Lugrís no edificio situado na rúa do Franco, 56.
Este mural é o último exemplo dos que o artista pintou na capital de Galicia que aínda se conserva no mesmo lugar para o que foi pensado, o que lle engade máis valor á obra. Dos que existían na cidade, perdéronse os do Hotel Compostela e do Bar Lugo, e foron separados da parede os da Clínica Álvarez, que agora se encontran espallados en coleccións públicas e privadas.
«O vixente Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica (PE-1) inclúe un Catálogo de protección que identifica os inmobles obxecto de preservación, incorporando unha ficha de catalogación para cada edificio, na que se identifican os elementos catalogados. No caso do edificio que acolle o mural na rúa do Franco, ata o momento tiña asignado o nivel 4 (interese ambiental) pero non se catalogou ningún elemento interior», sinalou o Concello a través dun comunicado.
Míriam Louzao explicou que, tras esta aprobación provisional, a modificación puntual do Catálogo do PE-1 remitirase á Dirección Xeral de Urbanismo, para que emita un informe preceptivo e vinculante no prazo dun mes. «Se o informe é favorable, poderá ser aprobada de xeito definitivo no Pleno municipal», explicou a voceira.