4 septiembre, 2024
Este xoves, o Concello de Santiago dará un paso adiante na promoción da igualdade e a inclusión coa constitución do Consello Municipal de Igualdade, un novo organismo que funcionará como espazo de análise e debate dos retos colectivos que a cidade afronta para seguir afianzando un entorno diverso, inclusivo e igualitario.
A creación deste Consello reflicte o compromiso do Concello de Santiago con políticas que fomenten a participación activa dos colectivos feministas e LGTBI, sendo a idea abordar cuestións fundamentais como a violencia contra as mulleres, a lgbtifobia, e a creación de espazos seguros no ocio nocturno, entre outros temas clave para a convivencia e a igualdade.
O regulamento que rexe este novo consello foi aprobado polo pleno da corporación no pasado mes de maio, e entrou en vigor en xullo, tras cumprir co preceptivo trámite de exposición pública. Este regulamento define as bases para o funcionamento do consello e o papel que xogarán as diferentes entidades implicadas.
Así, na primeira xuntanza, que estará presidida pola alcaldesa de Santiago e responsable da área de igualdade, Goretti Sanmartín Rei, confirmouse a participación de dez entidades representativas do tecido feminista e LGBTI, así como dos catro grupos políticos da corporación municipal. Este consello converterase nun foro esencial para o desenvolvemento de políticas que garantan a igualdade e a inclusión no municipio.
A posta en marcha deste organismo non só marca o inicio do curso político en Santiago, senón que tamén dá cumprimento a un compromiso de goberno que sitúa as políticas de igualdade no centro das accións municipais deste mandato, tal e como lembrou o Concello.