1 octubre, 2024
A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, reuniuse este martes co presidente de Mercasa, José Manuel Miñones, para avanzar nos plans que sitúan a cidade como un centro loxístico de referencia na distribución de mercadorías no Eixo Atlántico e no noroeste peninsular. Este encontro, que tivo lugar no Pazo de Raxoi, dá continuidade á reunión mantida en maio, na que se discutiron as bases do proxecto.
Sanmartín celebrou o compromiso renovado de Mercasa con Santiago, sinalando que a colaboración entre ambas entidades seguirá impulsando Mercagalicia como peza clave para a cidade. «Mercagalicia será o xerme da futura plataforma loxística, destinada a converterse nun nodo de distribución esencial para Santiago», subliñou a alcaldesa, que destacou a importancia deste proxecto non só para a Cidade Histórica, senón tamén para diversificar a economía local, potenciando a relación entre o sector primario e a industria.
Mercasa, pola súa parte, reafirmou a súa disposición para acelerar o desenvolvemento da plataforma loxística, que busca fomentar a mobilidade sostible de mercadorías. Santiago foi seleccionada como a cidade piloto para implementar un innovador proxecto de distribución de mercadorías de última milla, especialmente deseñado para zonas históricas. Este modelo pioneiro podería servir de exemplo para outras cidades do Estado.
Miñones asistiu á reunión acompañado por Mayte Castillo, directora de desenvolvemento corporativo e persoas de Mercasa, e Mercedes Cernadas, directora de comunicación da empresa. Ambos os representantes destacaron a importancia da colaboración continua co Concello para asegurar o éxito desta iniciativa.