17 septiembre, 2024
A Casa das Mulleres Xohana Torres será o escenario o próximo 1 de outubro da xornada «Mulleres, líderes na economía social», unha iniciativa organizada pola Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude en colaboración coa Unión de Cooperativas EspazoCoop. A concelleira María Rozas destacou hoxe en rolda de prensa que o obxectivo deste evento é «mostrar as oportunidades que a economía social, especialmente o cooperativismo, ofrece para o empoderamento das mulleres e o desenvolvemento de liderados femininos».
María Rozas, acompañada por Ana Olveira, presidenta da Unión de Cooperativas EspazoCoop, subliñou que a economía social debe ser un eixo clave para o desenvolvemento económico de Santiago, segundo a Axenda 2030, e que «este modelo é imprescindible se queremos avanzar cara a un maior progreso social desde unha perspectiva feminista».
A concelleira lembrou que as cooperativas e sociedades laborais destacan por ter unha menor fenda salarial e unha maior presenza de mulleres en postos directivos, ademais de apostar por medidas de conciliación laboral. Segundo un informe da Confederación Española de Empresas da Economía Social, a diferenza retributiva entre homes e mulleres nestas empresas é do 3%, fronte ao 26% que se rexistra noutros modelos empresariais. Rozas tamén puxo en valor o peso da economía social en Santiago, onde operan máis de 100 cooperativas e preto de 70 sociedades laborais, moitas delas lideradas por mulleres. En Compostela, o 7% das empresas pertencen á economía social, superando a media galega, que se sitúa no 5%.
PROGRAMA
A xornada «Mulleres, líderes na economía social» celebrarase o 1 de outubro na Casa Xohana Torres, en horario de 9:45 a 14:00 horas. Ao longo da mañá, haberá diversas palestras que ofrecerán ás asistentes a oportunidade de coñecer experiencias vinculadas á economía social. Entre os relatorios destacará o de Dolores Calvo, presidenta da cooperativa Condes de Albarei e da asociación «Nós as Mulleres». Seguiralle un panel sobre mulleres líderes na economía social galega, con intervencións de Rosa Salgado (Miraxe), Silvia Alende (Accede Social) e Charo González (Corno Integral).
O evento continuará cun panel dedicado aos liderados femininos emerxentes, no que participarán Cristina Fiaño (Urdime), Claudia Rodríguez (cooperativa Alén) e Ana Corredoira (As vacas da Ulloa). A xornada concluirá cun debate aberto no que tanto as poñentes como o público intercambiarán opinións e experiencias. As inscricións están dispoñibles a través da web https://espazo.coop/.
Ana Olveira explicou que o obxectivo da xornada é «dar a coñecer as vantaxes e potencialidades da economía social no recoñecemento laboral das mulleres e as súas capacidades de liderado e dirección; visibilizar boas prácticas empresariais lideradas por mulleres; e xerar un espazo de networking que fomente colaboracións e proxectos de intercooperación».
Esta iniciativa enmárcase no convenio asinado entre a Concellaría de Promoción Económica e EspazoCoop, que ten como finalidade fomentar o emprendemento na economía social. Este acordo, con orzamento de 39.000 euros, inclúe outras actividades de apoio, asesoramento e formación, e segue as directrices da Axenda 2030.