30 octubre, 2024
Co fin de afondar nas causas e consecuencias do conflito palestino-israelí desde unha perspectiva multidisciplinar, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Fundación Araguaney-Puente de Culturas celebran este mércores, 30 de outubro, a mesa redonda “Miradas complementarias. Unha análise multidisciplinar do conflito palestino-israelí en Oriente Próximo”. A xornada terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Filosofía de 17:00 a 20:15 horas, con entrada libre ata completar o aforo e retransmisión en liña para facilitar o seguimento desta cita que convoca especialistas de diversas áreas de coñecemento, así como representantes de movementos sociais.
Esta actividade xorde no marco do protocolo de colaboración firmado en xullo entre a USC e a Fundación Araguaney-Puente de Culturas, un convenio que inclúe iniciativas conxuntas orientadas á formación, divulgación e sensibilización social en relación con causas de relevancia internacional. Así, a mesa redonda será un punto de encontro para comprender un conflito que, segundo subliñan os organizadores, segue sendo unha das principais fontes de inestabilidade en Oriente Próximo e no contexto global.
A apertura da sesión contará coa intervención de Pilar Murias, vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, quen sinalará o compromiso da universidade coa formación de pensamento crítico entre o seu alumnado. Tamén estará presente o decano da Facultade de Filosofía, Xavier de Donato, quen destaca que esta facultade, máis alá de ser un espazo académico, “é un lugar comprometido co exame dos problemas sociais e políticos máis urxentes”, especialmente no que respecta aos conflitos armados. Completará a apertura o codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Axuda Humanitaria (IECAH), Jesús Núñez, un recoñecido experto en estudos sobre Oriente Próximo, quen describe o escenario actual como “un panorama totalmente negativo” e lamenta que, malia a escalada de tensións recentes, a comunidade internacional se manteña na “pasividade e na emisión de lamentacións sen medidas concretas”.
Nunha intervención previa ao evento, Núñez profundizou en que as diferentes dimensións que converxen neste conflito -desde a relixión ata a política e a cultura- conforman un desafío que non só afecta á rexión de Gaza e Cisxordania, senón que tamén é un foco de tensión para a seguridade global. “Todo apunta á continuación do conflito a través de visións ideolóxicas irreconciliables, tanto en grupos armados palestinos, como Hamás, como no estado de Israel, que persiste na súa estratexia de control territorial”, sinala. O conflito, engade, non é un fenómeno recente: leva décadas de acumulación de tensións, pero na actualidade corre o risco de estenderse debido á falta de actuación concreta por parte dos líderes internacionais.
A mesa redonda dividirase en dúas sesións para cubrir os principais enfoques deste problema desde diferentes ángulos académicos e activistas. O primeiro panel, titulado “As pezas do conflito. Elementos históricos, sociopolíticos e ético-filosóficos”, abrirase coa moderación de Jesús Núñez, quen estará acompañado por profesores da USC con ampla traxectoria nas áreas de historia, política e filosofía. Entre eles, Antonio Míguez Macho, profesor de Historia Contemporánea, abordará a perspectiva histórica, centrándose nos episodios de colonización, éxodo e enfrontamento rexistrados desde os inicios do conflito. Pola súa banda, o profesor Antón Losada, de Ciencia Política e da Administración, explicará o impacto das políticas rexionais e internacionais sobre o conflito e a súa relación coa estabilidade global. Completando o panel, Luís García Soto, profesor de Filosofía Moral e Política, afondará nos dilemas éticos e morais que rodean este enfrontamento prolongado e na forma en que as ideoloxías teñen exacerbado as tensións e limitando posibles solucións pacíficas.
A segunda parte da xornada abrirase ás 18:45 horas co panel “A loita pola causa palestina dende a sociedade civil organizada e o activismo”. Este espazo será moderado pola profesora de Antropoloxía Social da USC, Guadalupe Jiménez Esquinas, e dará voz a figuras destacadas da sociedade civil e do activismo. Entre os participantes estará Ghaleb Jaber Ibrahim, presidente de honra da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e recoñecido empresario, que compartirá a súa experiencia de defensa da identidade e dos dereitos do pobo palestino a través de iniciativas culturais e sociais en Galicia e en España. Tamén intervirá Leila Nachawati, doutora en Comunicación e Conflito pola Universidade Carlos III, activista polos dereitos humanos e coñecida divulgadora sobre os problemas que afectan á poboación palestina; Nachawati enfocará a súa intervención nas oportunidades e retos que enfronta a sociedade civil na rexión para facer fronte á ocupación e as políticas de Israel. Pechará o panel Sara Ashour, activista da Asociación Galaico Árabe Jenín, quen relatará a súa propia experiencia no activismo, subliñando o papel das mulleres e da mocidade palestina na defensa dos seus dereitos e na loita contra a represión.
Xavier de Donato subliña o valor que a Facultade de Filosofía dá a este tipo de iniciativas, onde a academia non só interpreta a realidade, senón que tamén contribúe ao cambio e á conciencia social. “A nosa facultade é un lugar para o pensamento crítico sobre os problemas que azoutan o mundo, como o conflito de Gaza, e tamén estamos comprometidos en levar a cabo accións prácticas que, aínda que non poidan resolver o conflito de inmediato, axuden a ofrecer vías de paliación ou incluso de solución a longo prazo”, asegura.