A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou esta mañá a programación das xornadas, na que tamén participou a coordinadora, Gemma Sesar. Louzao destacou a importancia desta iniciativa, que reunirá en Santiago a artistas de diversas procedencias para que compartan as súas experiencias e proxectos, convertendo a cidade na protagonista dos seus cadernos de viaxe.
Gemma Sesar agradeceu o apoio do Concello e da Deputación da Coruña para este encontro, que invita aos artistas a descubrir o patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela, abrindo as portas de espazos singulares para que os retraten e difundan nas súas obras. Sesar subliñou a oportunidade que brindan as xornadas para achegarse ao proceso creativo dos artistas e á súa relación co papel en branco.
As Xornadas de Ilustración Urbana 2024 programan sete intervencións que se desenvolverán en ambas as tardes. A ilustradora polaca Iwona Flaszczynska abrirá as conferencias co tema «Da observación á interpretación». A continuación, o ilustrador francés Pierre Amoudry conducirá ao público a través dunha «Viaxe polas cores», e a xornada do venres finalizará co estadounidense Alán Ramiro, que falará sobre «Cando ti transformas, a túa arte tamén se transforma».
O sábado, a artista valdoviñesa Blanca Escrigas dará a súa conferencia sobre «Muralismo Ilustrado». Seguirá o catalán Daniel Pagáns, quen profundará no seu proceso creativo con «Os meus cadernos. Os meus camilos». O creador murciano Nacho Muñoz presentará «Viaxe a través da acuarela», e pechará as Xornadas o ilustrador lisboeta João Catarino cunha intervención sobre «O claro, o difuso e o baleiro». Durante estas dúas xornadas, Blanca Escrigas elaborará en directo un mural de 2×2 metros no corredor do Auditorio.
Ademais das xornadas, o sétimo Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe ofrecerá actividades específicas do 7 ao 10 de novembro para 120 ilustradores que esgotaron as prazas dispoñibles. Baixo o lema «Volver á Universidade», esta edición retratará edificios históricos da USC, como o Pazo de Fonseca, o Colexio de San Xerome, as Facultades de Medicina e de Xeografía e Historia, así como a Igrexa da Compañía, entre outros espazos do campus.