16 noviembre, 2025
A Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) será o escenario, os días 19 e 20 de novembro, da quinta edición da Xuntanza de Investigador@s Nov@s no ámbito da química (XINQ), un evento promovido pola Comisión de Normalización Lingüística da facultade que ten como obxectivo fomentar a divulgación científica en lingua galega e ofrecer un espazo de encontro para a mocidade investigadora.
A XINQ desenvolverase en formato de sesión aberta de comunicacións orais, nas que os estudantes de mestrado e doutoramento da USC que traballan no ámbito da química poderán presentar, cun enfoque divulgativo, algún aspecto do seu proxecto ou da súa área de investigación. Todas as intervencións realizaranse en galego, potenciando así as competencias de comunicación científica na lingua propia da comunidade.
A participación está aberta a calquera estudante dun programa de mestrado ou doutoramento da USC vinculado á química, que poderá presentar unha única comunicación oral. Os interesados deben inscribirse antes do 30 de outubro, cumprimentando un formulario e entregando un resumo da súa intervención, seguindo o modelo formal establecido polo comité organizador, presidido polo profesor Miguel Martínez Calvo.
Os participantes recibirán un certificado acreditativo e os seus resumos serán publicados nun libro dixital. Ademais, o comité organizador outorgará dous premios en metálico por cada categoría, mestrado e doutoramento, recoñecendo así a calidade e relevancia das comunicacións presentadas.