3 julio, 2024
A parroquia compostelá de San Xoán de Fecha acollerá o próximo sábado día 13 O Fechiño, un Festival Rupestre e de Proximidade. Organizado un ano máis por aCentral Folque. Este encontro estival promove o contacto coa comunidade local e o patrimonio rupestre da zona mediante propostas culturais próximas e sustentábeis, sendo unha experiencia lúdica pensada para gozar en familia, con amizades e coa veciñanza, cunha ampla variedade de actividades ao longo de toda a xornada.
Así, as actividades darán comezo ás 10:30 h co roteiro «Rupestre sonoro», guiado polo Clube Espeleolóxico Maúxo, que percorrerá as estacións líticas da Pedra que Fala, a Pedra Longa, o Casarello, a Pedra Cabalgada e o Aguillón, rematando en San Xoán de Fecha. Na Pedra que Fala, Quico Cadaval presentará «Estórias Sonolíticas», historias doutras pedras que alimentarán as conversas da Pedra de Fecha.
Por outra banda, o xantar popular comezará ás 14:30 h en Lamascal, onde haberá unha carpa con mesas e asentos. Cadaquén deberá traer a súa comida, que poderá gardarse antes de comezar as actividades, mentres que durante a sobremesa, ás 16:30 h, celebrarase a entrega do «Fechiño de honra» a Francisco Miramontes Sánchez, en recoñecemento á súa implicación na parroquia.
Ás 17:00 h, o dúo Aldaolado ofrecerá «O Benquerer(se)», un espectáculo poético cheo de espontaneidade, música, feminismo e sentido do humor. A xornada de tarde continuará ás 18:30 h en Lamascal cun «Baile Assalto» de danzas, impartido por Carme Campo e aberto a todos os que desexen bailar muiñeiras e xotas.
Paralelamente, en San Xoán de Fecha e con inscrición previa no correo ofechinho@folque.com, terán lugar dous roteiros. Ás 17:00 h, o roteiro «Paisaxes que falan», guiado por David Fontán e Lucía Santiago, explorará a paisaxe como resultado da interacción entre sociedade e natureza. Ás 18:30 h, o Colectivo A Rula realizará un «Roteiro rupestre» seguindo as pegadas históricas e prehistóricas nas pedras.
Para culminar esta terceira edición do festival, a partir das 21:00 h, haberá actuacións musicais a cargo do dúo Caamaño & Ameixeiras e Os d’Abaixo, pechando así o festival cunha gran festa.