1 julio, 2024
O executivo municipal aprobou esta mañá o inicio dos trámites para recibir as obras de «Reforma da Praza de Abastos». Estas obras, adxudicadas en outubro á empresa INSIDE THE TEAM, S.L. por un importe de 451.278,16 euros, teñen como obxectivo realizar diversas melloras nas marquesiñas, estores, portas corredeiras, baño adaptado e instalación eléctrica da torre central. Estas actuacións, acordadas coas persoas praceiras e a xerencia do Mercado de Abastos, buscan poñer en valor este inmoble público, incrementar a súa funcionalidade e facelo máis cómodo e accesible.
En concreto, traballouse nas marquesiñas de vidro situadas sobre os postos da muralla para eliminar filtracións e mellorar o mantemento do falso teito. Estableceuse unha pendente mínima do 1,5% no plano de vidro da cuberta, instalouse unha nova baixante, impermeabilización sobre o canlón existente e un novo canlón para frear a auga recollida pola cuberta de tella. Tamén se instalou un falso teito de reixa en aceiro galvanizado, máis doado de desmontar e limpar.
Nas marquesiñas de comunicación entre o edificio e os obradoiros, así como entre as naves, substituíronse os elementos para resolver as filtracións e facilitar o mantemento do falso teito. Realizouse a limpeza do canlón existente e a revisión das selaxes e unións coa estrutura metálica. O falso teito de vidro foi substituído por unha malla permeable á luz, lixeira e resistente para facilitar o seu desmonte e manipulación.
Os estores verticais que protexen os postos sobre a muralla foron recolocados entre os piares para facilitar o seu mantemento, instaláronse con guías verticais e dotáronse de caixas para protexelos da intemperie. Ademais, motorizáronse para simplificar o seu uso.
Nas portas corredeiras das naves, de 3 metros de altura, instaláronse novos motores para axilizar a súa apertura coa nova localización do sensor de presenza. Engadiuse un marco perimetral de aceiro inoxidable mate nas portas para protexer os vidros dos golpes nos bordos.
Tamén se substituíu a arqueta exterior do baño adaptado para evitar atascos e mellorouse a instalación eléctrica da torre central.