29 mayo, 2024
O profesor emérito da USC Ramón Villares foi nomeado académico correspondente en España pola Academia Nacional da Historia arxentina, presidida polo historiador e politólogo Natalio Rafael Botana. A elección do ex reitor da Universidade de Santiago tivo lugar no plenario académico debido aos seus «relevantes méritos e antecedentes no campo da investigación e estudos históricos», segundo informou a institución.
Ramón Villares, nado en 1951 en Xermade (Lugo), é profesor emérito da Universidade de Santiago desde 2021. Obteu a cátedra de Historia Contemporánea en 1987 e foi decano da Facultade de Xeografía e Historia entre 1986 e 1990, e reitor entre 1990 e 1994.
Ademais, foi director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo entre 1997 e 2006, promotor da Asociación de Historia Contemporánea de España, da que foi presidente entre 1996 e 2002, e investigador honorario do Instituto de Ciências Sociais da Universidade de Lisboa desde 2011. Tamén recibiu doutoramentos honoris causa polas universidades de Bos Aires (1992), Minho (2015) e Rennes-2 (2017).
Villares é membro da Real Academia Galega desde 2006 e da Real Academia de Boas Letras de Barcelona desde 2018. Foi presidente do Consello da Cultura Galega de 2006 a 2018 e recibiu varios premios, incluíndo os Premios da Crítica de Galicia (1983 e 1985), os premios xornalísticos Fernández Latorre (‘La Voz de Galicia’, 2005) e Puro Cora (‘El Progreso’, 2017), o Premio Cultura Galega á Proxección Exterior (Xunta de Galicia, 2018) e o Premio Otero Pedrayo (Deputación de Lugo, 2019).
«Especializado en historia social agraria, estudos migratorios e historia cultural, é autor de máis de vinte libros e numerosos artigos de investigación e de alta divulgación. Entre as súas publicacións destacan La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936 (Siglo XXI Editores, Madrid, 1982); Donos de seu. Estudos de historia agraria de Galicia (Sotelo Blanco, Santiago, 1988), Señores y campesinos en la Península Ibérica (ss. XIX y XX) (Crítica, Barcelona, 1992), Historia da emigración galega (Xunta de Galicia, Santiago, 1996), Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista (Galaxia, Vigo, 2007 e nova edición en 2018) ou Luís Seoane, entre Galicia y Argentina (Biblos, Bos Aires, 2012). Algúns dos seus libros e artigos foron traducidos ao portugués, francés, inglés, italiano, catalán, éuscaro e ruso», destacou a USC a través dun comunicado.