10 junio, 2024
O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a sesión constitutiva da Comisión Especial encargada de analizar a forma máis eficiente e sostible para a xestión do ciclo integral da auga no Concello de Santiago. Nesta Comisión especial, que se reuniu no día de hoxe por primeira vez, participaron tanto a alcaldesa, que presidiu o encontro, como representantes dos grupos políticos municipais: Xesús Domínguez (BNG), Manuel César (BNG), María Rozas (CA), Xan Duro (CA), José Antonio Constenla (PP), José Ramón de la Fuente (PP), Mila Castro (PSdeG) e Mercedes Rosón (PSdeG); así como de persoal técnico de Secretaría, da Área de Urbanismo e Infraestruturas, da Sección de Medio Ambiente e Sanidade, da Asesoría Xurídica, da Oficina Orzamentaria, de Intervención Xeral e da Coordinación Xeral.
«Esta Comisión nace coa encomenda de elaborar un informe que propoña o mellor modelo para xestionar o ciclo integral da auga, collendo como referencia o estudo realizado sobre este asunto en xullo de 2020. Tamén poderá impulsar outros traballos necesarios para acadar o obxectivo final de regularizar os servizos básicos de abastecemento de auga e saneamento que se prestan dun xeito precario no Concello de Santiago desde que venceu a prórroga do contrato», destacou o Concello.
Esta Comisión poderá requirir o asesoramento que considere oportuno, tanto de persoal técnico municipal como externo, e, cando o decida, informará ao Pleno dos seus avances ou das decisións adoptadas.